E mañá…

A tan esperada estrea do filme “Universo Crebinsky” será en Ortigueira. E que mellor plataforma que o Festival do Mundo Celta? Mañá ás 18 horas o Teatro de Beneficencia será o lar elixido para proxectar por primeira vez o traballo do músico ortegán Enrique Otero. A mesma banda Crebinsky, encargada da banda sonora do filme, fará soar os seus intrumentos polas rúas de Ortigueira.

Universo Crebinsky, nada dunha curtametraxe do ano 2002, convértese hoxe en día no filme máis esperado do panorama cinematográfico galego. Un filme que conta a andaina de dous irmáns asentados nun pobo perdido da costa que, xunto coa súa vaca Muchka, crean a súa realidade particular. Unha realidade que, trala perda e búsqueda do seu preciado animal, os levará a adentrarse no interior e coñecer o mundo real: o universo de nazis, falanxistas e soldados ianquis.

A horas da apertura…

Ortigueira está preparada para que dean comezo as 96 horas de festa que o Festival do Mundo Celta ofrece cada ano. Para os hosteleiros o Festival é sinónimo de traballo e disposición as 24 horas do día… Para outros, é o lugar ineludible para un bo comezo do verán.

O escenario Estrella Galicia case listo. Chiringuitos e bares coas súas neveiras cargadas. E todos esperando a tan ansiada apertura da XXVI edición dun dos festivais de música celta máis importantes do mundo.

Os asistentes xa levan enchendo o pinar da praia de Morouzos dende comezos de semana, pero será hoxe e mañá cando a vila ortegana reciba a milleiros de festivaleiros. Festivaleiros que, dende primeiras horas da mañá, colapsan buses e trenes para facer chegada á vila que se converte por uns días na capital da música celta.

Achegádevos a Ortigueira e disfrutade ao son de grupos coma Shooglenifty e os Molard Brothers. Eu, de seguro, non mos perderei.