Unha longa tarde…

Ás 15.30 horas desta tarde si que comezaba o Festival de Ortigueira. Primeiras probas de son. Krêposuk, Celtas Cortos e Oysterband. E unha sorpresa, Celtas Cortos contarán coa colaboración de Susana Seivane.

Agora si que si. Estamos a menos dunha hora de que comecen a soar os primeiros acordes no escenario Estrella Galicia. Krêposuk serán os encargados de abrir o cartel de este ano. Moita enerxía é o que esta banda promete transmitir na súa actuación.

Pero hai escasa media hora, a Escola de Gaitas de Ortigueira foi a encargada, un ano máis, de abrir o acto inaugural desta nova edición. Para iso, a praza de Isabel II bailaba ao son da xa mítica peza “Lume das catro e media”.

Logo da banda ortegana, a Banda de Gaitas Viana-Manzaneda, a Jonhstone Pipe Band, o dúo de zanfoña e voz de Óscar Fernández e Cristina Pico, respectivamente, e un cuarteto de gaitas escocesas, foron os que seguiron o espectáculo na praza principal da vila de Ortigueira.

E todo isto, precedido polo estreo do “Universo Crebinsky”. A Banda Crebinsky percorreu as rúas máis céntricas de Ortigueira, partindo do mítico bar “Caracas”, lugar polo que todo bo músico que pasa polo festival non deixa de visitar, ata facer entrada na praza do Concello. Alí os esperaban os irmáns protagonistas xunto coa súa inseparable vaca Muchka.

E nada máis amigos, Ortigueira está agardando por vós.

Moito traballo…

No IES de Ortigueira, lugar de encontro de todas as bandas de gaitas que chegan á vila, Rodrigo, director da Escola de Gaitas de Ortigueira segue un ritmo de traballo frenético. Ensaios coa Escola e con Chirlo Mirlo, organización do Festival… Ainda así, tivo uns minutos para achegarnos a como a banda de gaitas de Ortigueira prepara a súa actuación do venres.

A horas da apertura da XXVI edición do Festival de Ortigueira, para o director da Escola de Gaitas a clave do programa que seguen para o concerto no escenario Estrella Galicia é o feito de que “podes usar algunha peza complicada pero máis ben utilizas pezas con movemento, para dar vida, xa que se trata dun festival en aberto”. Ademais, Rodrigo e os compoñentes da Escola de Gaitas, son conscientes da expectación que nos últimos anos desprende o seu concerto: “somos moi conscientes que duns anos para aquí a xente notou moito as pequenas cousas que se fan para que non sexa monótona a actuación. Xogamos coas cantareiras, corpo de baile e cuartetos para facer máis ameno o concerto”.

Ben é certo que outro feito que sempre atrae a expectación do público son as colaboracións da Escola de Gaitas de Ortigueira con outros artistas que forman parte do cartel: “este ano o que temos é unha colaboración das cantareiras da Central Folque de Santiago con Cristina Pico, que é unha colaboradora desas, na sombra, que fan todo, tanto o baile coma cas cantareiras. Entón, este ano colaborarán con ela músicos da Central Folque”.

Xa por último, non esquecer a dobre presenza de Ortigueira no Festival, xa que Chirlo Mirlo é un grupo formado por músicos da Escola de Gaitas. “A iniciativa foi para interpretar doutro xeito os ritmos nosos e para motivar aos rapaces a que se fagan músicos independientes, vendo ao seu profesor tocando como lle gusta tocar a el e que así collan recortes”.

Un adianto do que posiblemente se poderá disfrutar no seu concerto.

Xa queda menos…

Este era o aspecto do recinto da Alameda hoxe ás 20.00 horas. Como vedes, o escenario Estrella Galicia está a punto…

Ortigueira durme hoxe ansiosa soñando co comezo da festa que fai que a vila sexa coñecida en moitos lugares do mundo.

O ambiente na praia hoxe, xoves de madrugada? Tranquilo. Os miles de folkies que ocupan o pinar de Morouzos parece que agardan tamén a verdadeira apertura da festa. Mañá, coa gran chegada de festivaleiros, praia e pobo estarán repletos de xente ata nos recunchos menos esperados.

Xa queda menos amigos e amigas…Vinde a Ortigueira e disfrutade con nós de boa música.