Última noite de Festival

Deu comezo unha nova xornada musical en Ortigueira. Abría os concertos do escenario Estrella Galicia a Bagad Karreg An Tan. Nestes mesmo momento o grupo ortegán Chirlo Mirlo fai bailar aos festivaleiros. E queda unha noite de moi boa música por diante. Leilía, Anxo Lorenzo Band, Gaelic Storm, Shooglenifty e Rare Folk serán os grupos que pisarán o escenario do Festival de Ortigueira.

As cantareiras de Leilía pasarán hoxe por Ortigueira, feito que non ocorre dende o ano 2006. É un grupo que xa conta con tres traballos discográficos e un recopilatorio no que conta coa colaboración de músicos como Xosé Manuel Budiño ou Milladoiro. Para elas estar no cartel do Festival do Mundo Celta de Ortigueira é “un honor e unha presión, pero do mesmo xeito que un disfrute total”. Ao demais Leilía asegura que hoxe “os festivaleiros poderán ver e escoitar a Leilía de sempre, máis tradicional que é que comezamos o concerto. Despois un cambio radical que será un adianto do novo traballo”.

Por outra banda, cabe mencionar a actuación dos irmáns Molard, mestres bretóns que xa fai algúns anos actuaran no Festival. Así, durante máis dunha hora, a praza de Isabel II bailou ao son dos xa míticos “Molard Brothers”.

Útima noite de música do Festival de Ortigueira si,  pero mañá chegará o Proxecto Runas a partires das 17.00 horas no mesmo escenario Estrella Galicia. As bandas Celtic Maze, Xavi Aburruzaga e The Crass serán as que participen neste concurso.

A noite do venres…

“Me he calmado un poco, pero la energía fluye cada día más”. Estas foron algunhas das palabras que Cristina Pato pronunciou diante da cámara de “La voz móvil”. A gaiteira galega non estaba a mentir. Un concerto ben diferente ao que nos tiña acostumados. Unhas composicións cun certo aire contemporáneo. Bos músicos e bo son, pero un programa demasiado tranquilo para os alí presentes. Ainda así, Cristina Pato soubo pór nalgúns intres o punto musical que fai uns anos a caracterizaba: unhas pezas moi enérxicas e galegas que, tanto ela como a súa banda, disfrutaban baixo o delirio dos alí presentes. Ademais, Rosa Cedrón, ex-vocalista de Luar na Lubre, tivo presenza no escenario, ambientando a Alameda ortegana coa súa xa recoñecible voz.

Cristina Pato marchaba, pero Afterhours e os cataláns Qui hi ha? serían os encargados de pór música ás últimas horas da xornada de festa. Un son plenamente celta foi o que Afterhours amosou en Ortigueira. Pola súa banda, o banda Qui hi ha? pechou a noite cunha actuación moi enérxica.