A tarde de hoxe…

O ano 2000 foi o ano no que o Proxecto Runas deu comezo. Este ano a presentación das bandas tivo lugar no escenario Estrella Galicia. Hoxe, dende as 17.00 horas, Celtic Maze, Xabi Abuzurraga e The Crass facían soar os seus instrumentos con dous propósitos: facer disfrutar ao público presente e ser o gañador desta décima edición do concurso. Mañá o xurado, que estivo presente en todos os concertos, fallarán a favor dun dos tres grupos.

Cabe destacar tamén que hai apenas un cuarto de hora, a película Crebinsky comezou a proxectarse por última vez no Teatro da Beneficencia de Ortigueira. Así, os actores e a mesma banda Crebinsky collen as súas maletas e marchan cara outros pobos galegos a presentar a tan esperada filme.

Advertisements

E o tradicional desfile de bandas

Este mediodía Ortigueira si que era arte. O tradicional desfile de bandas fixo que todas as rúas da vila estiveran ambientadas ao son de gaitas e percusións. Unha decena de agrupacións fixeron entolecer aos presentes na súa chegada ao Cantón gracias á boa música e á gran posta en escena de bandas como a de Celturia (Valencia) e Mazikandú (Murcia).

Ás 14.30 horas facía entrada na rúa máis céntrica da vila ortegana a Escola de Gaitas de Ortigueira. A anfitriona daba comezo así a un espectáculo que duraría arredor dunha hora e media. Unha hora e media ambientada por unha música coa que público quedou abraiado. Cabe ter en conta o bo ánimo e a entrega de todos os músicos que, logo de recorreren a vila, chegaron ao Cantón cheos de forza e desexosos de entreter a un público rendido á súa música.

Moi boa música na última noite do Festival

Moi puntuales, ás 20.00 horas de onte a Bagad Karreg An Tan comezaba a súa actuación no Festival de Ortigueira. Con moito ritmo e enerxía, a banda bretona fixo disfrutar ao público durante un pouco máis de media hora. Sen ningunha dúbida, un moi bo comezo da noite.

A Bagad deixaba o escenario para dar paso ao grupo local, Chirlo Mirlo. Cun repertorio de pezas moi coñecidas, os ortegáns fixeron disfrutar aos alí presentes. Pero a música galega seguiría a ter protagonismo durante varias horas. Leilía e Anxo Lorenzo Band serían os encargados diso. Leilía abría a actuación na súa liña máis tradicional. Pero conforme ían transcorrendo os minutos, as cantareiras comezaron a mostrar, coa axuda da súa banda, uns temas con aires innovadores. As cantareiras deixaban o escenario Estrella Galicia e daba comezo a que para moitos foi a actuación da noite. A Anxo Lorenzo Band mostrou un directo envexable. Cunha banda de músicos sobresalientes, Anxo Lorenzo amosou a Ortigueira un dominio total da música folk. Baixo unha execución perfecta de whistles, gaita, violíns e demais instrumentos, esta banda fixo bailar e brincar aos festivaleiros.

E era o turno da banda americana Gaelic Storm. Un concerto moi animado fixo, ao igual que a Anxo Lorenzo Band, vibrar ao público. E na mesma liña, Shooglenifty, arrancou en Ortigueira máis que aplausos. Un público moi entregado foi o agasallo que a banda escocesa se levou de Ortigueira.

Pero a noite de festa chegaba ao seu fin. Os encargados de pechar a noite foron Rare Folk. O grupo andaluz, que xa visitou Ortigueira en moitas ocasións, serviron un concerto cheo de enerxía que, sen dúbida, fixo que o público se despedira da vila ortegán cun gran sabor de boca.