Ortigueira está xa posta en marcha

E por fin milleiros de persoas disfrutaron ao son da música de Ortigueira. Krêposuk daba comezo ao fervor musical do recinto da Alameda. “Esto si que es música del Festival” é o que dicía unha veciña da vila cando o grupo bretón levaba case xa unha hora facendo vibrar aos asistentes. E é que deron o que prometeron. Moita enerxía e boa música. Un estilo rock pero marcado fortemente polas raíces celtas. Krêposuk soaba a Festival.

Pero pasadas as doce da noite, o público agardaba á única banda española da noite do xoves. Celtas Cortos, que foron, sen dúbida, a maior sorpresa do cartel de este ano, entregáronse a Ortigueira. Do mesmo xeito, a colaboración da banda coa gaiteira Susana Seivane foi un dos momentos máis alxidos da actuación.

E a noite remataba, pero con boa compaña. A mítica banda inglesa Oysterband soubo, unha vez máis, mezclar á perfección o estilo rock con chamadas a música á que o público de Ortigueira está acostumado a disfrutar: a música celta. Para iso, Susana Seivane voltaba ao escenario da man dunha Oysterband máis galega que nunca.

Pero hoxe a noite será moito máis longa. Marful abrirá o escenario Estrella Galicia para dar paso á Escola de Gaitas de Ortigueira. Orion, Cristina Pato, Afterhours e Qui hi ha?, gañadores do Proxecto Runas do pasado ano, serán logo os encargados de pór a banda sonora da noite do venres do Festival.

Advertisements

Unha longa tarde…

Ás 15.30 horas desta tarde si que comezaba o Festival de Ortigueira. Primeiras probas de son. Krêposuk, Celtas Cortos e Oysterband. E unha sorpresa, Celtas Cortos contarán coa colaboración de Susana Seivane.

Agora si que si. Estamos a menos dunha hora de que comecen a soar os primeiros acordes no escenario Estrella Galicia. Krêposuk serán os encargados de abrir o cartel de este ano. Moita enerxía é o que esta banda promete transmitir na súa actuación.

Pero hai escasa media hora, a Escola de Gaitas de Ortigueira foi a encargada, un ano máis, de abrir o acto inaugural desta nova edición. Para iso, a praza de Isabel II bailaba ao son da xa mítica peza “Lume das catro e media”.

Logo da banda ortegana, a Banda de Gaitas Viana-Manzaneda, a Jonhstone Pipe Band, o dúo de zanfoña e voz de Óscar Fernández e Cristina Pico, respectivamente, e un cuarteto de gaitas escocesas, foron os que seguiron o espectáculo na praza principal da vila de Ortigueira.

E todo isto, precedido polo estreo do “Universo Crebinsky”. A Banda Crebinsky percorreu as rúas máis céntricas de Ortigueira, partindo do mítico bar “Caracas”, lugar polo que todo bo músico que pasa polo festival non deixa de visitar, ata facer entrada na praza do Concello. Alí os esperaban os irmáns protagonistas xunto coa súa inseparable vaca Muchka.

E nada máis amigos, Ortigueira está agardando por vós.

Moito traballo…

No IES de Ortigueira, lugar de encontro de todas as bandas de gaitas que chegan á vila, Rodrigo, director da Escola de Gaitas de Ortigueira segue un ritmo de traballo frenético. Ensaios coa Escola e con Chirlo Mirlo, organización do Festival… Ainda así, tivo uns minutos para achegarnos a como a banda de gaitas de Ortigueira prepara a súa actuación do venres.

A horas da apertura da XXVI edición do Festival de Ortigueira, para o director da Escola de Gaitas a clave do programa que seguen para o concerto no escenario Estrella Galicia é o feito de que “podes usar algunha peza complicada pero máis ben utilizas pezas con movemento, para dar vida, xa que se trata dun festival en aberto”. Ademais, Rodrigo e os compoñentes da Escola de Gaitas, son conscientes da expectación que nos últimos anos desprende o seu concerto: “somos moi conscientes que duns anos para aquí a xente notou moito as pequenas cousas que se fan para que non sexa monótona a actuación. Xogamos coas cantareiras, corpo de baile e cuartetos para facer máis ameno o concerto”.

Ben é certo que outro feito que sempre atrae a expectación do público son as colaboracións da Escola de Gaitas de Ortigueira con outros artistas que forman parte do cartel: “este ano o que temos é unha colaboración das cantareiras da Central Folque de Santiago con Cristina Pico, que é unha colaboradora desas, na sombra, que fan todo, tanto o baile coma cas cantareiras. Entón, este ano colaborarán con ela músicos da Central Folque”.

Xa por último, non esquecer a dobre presenza de Ortigueira no Festival, xa que Chirlo Mirlo é un grupo formado por músicos da Escola de Gaitas. “A iniciativa foi para interpretar doutro xeito os ritmos nosos e para motivar aos rapaces a que se fagan músicos independientes, vendo ao seu profesor tocando como lle gusta tocar a el e que así collan recortes”.

Un adianto do que posiblemente se poderá disfrutar no seu concerto.

Xa queda menos…

Este era o aspecto do recinto da Alameda hoxe ás 20.00 horas. Como vedes, o escenario Estrella Galicia está a punto…

Ortigueira durme hoxe ansiosa soñando co comezo da festa que fai que a vila sexa coñecida en moitos lugares do mundo.

O ambiente na praia hoxe, xoves de madrugada? Tranquilo. Os miles de folkies que ocupan o pinar de Morouzos parece que agardan tamén a verdadeira apertura da festa. Mañá, coa gran chegada de festivaleiros, praia e pobo estarán repletos de xente ata nos recunchos menos esperados.

Xa queda menos amigos e amigas…Vinde a Ortigueira e disfrutade con nós de boa música.

E mañá…

A tan esperada estrea do filme “Universo Crebinsky” será en Ortigueira. E que mellor plataforma que o Festival do Mundo Celta? Mañá ás 18 horas o Teatro de Beneficencia será o lar elixido para proxectar por primeira vez o traballo do músico ortegán Enrique Otero. A mesma banda Crebinsky, encargada da banda sonora do filme, fará soar os seus intrumentos polas rúas de Ortigueira.

Universo Crebinsky, nada dunha curtametraxe do ano 2002, convértese hoxe en día no filme máis esperado do panorama cinematográfico galego. Un filme que conta a andaina de dous irmáns asentados nun pobo perdido da costa que, xunto coa súa vaca Muchka, crean a súa realidade particular. Unha realidade que, trala perda e búsqueda do seu preciado animal, os levará a adentrarse no interior e coñecer o mundo real: o universo de nazis, falanxistas e soldados ianquis.

A horas da apertura…

Ortigueira está preparada para que dean comezo as 96 horas de festa que o Festival do Mundo Celta ofrece cada ano. Para os hosteleiros o Festival é sinónimo de traballo e disposición as 24 horas do día… Para outros, é o lugar ineludible para un bo comezo do verán.

O escenario Estrella Galicia case listo. Chiringuitos e bares coas súas neveiras cargadas. E todos esperando a tan ansiada apertura da XXVI edición dun dos festivais de música celta máis importantes do mundo.

Os asistentes xa levan enchendo o pinar da praia de Morouzos dende comezos de semana, pero será hoxe e mañá cando a vila ortegana reciba a milleiros de festivaleiros. Festivaleiros que, dende primeiras horas da mañá, colapsan buses e trenes para facer chegada á vila que se converte por uns días na capital da música celta.

Achegádevos a Ortigueira e disfrutade ao son de grupos coma Shooglenifty e os Molard Brothers. Eu, de seguro, non mos perderei.