Camiño de Lorient

Onte, ás 20.00 horas, a Escola de Gaitas de Ortigueira partía rumbo Lorient. Unha viaxe moi longa, pero que sen dúbida merecerá a pena. 22 horas de viaxe en autocar. Serán horas de nervios, horas nas que se respirarán moitas ganas. Ganas de chegar ao lugar que nestes días se convertirá na capital da música celta. Lorient celebrará este ano o seu 40 aniversario e, como xa dixen na anterior publicación, Ortigueira estará representada da mellor maneira posible. A Escola de Gaitas, que é a culpable de que hoxe en día a vila de Ortigueira conte cun dos festivais máis importantes de música celta do mundo, ofrecerá unha serie  de concertos nos diferentes escenarios que conforman as instalacións do festival.

E esta participación cobra un maior valor tendo en conta que o Festival do Mundo Celta de Ortigueira é nado da visita de músicos da Escola de gaitas a unha das primeiras edicións de Lorient. Por todo isto e tendo en conta tamén que estamos a falar do festival de música celta máis importante do mundo, os compoñentes da Escola de Gaitas viaxan cheos de ilusión e conscientes de que formar parte do cartel de Lorient é un sono para moitas bandas a nivel mundial. A Muiñeira do Albariño e a Polca para Pucho seguramente sean algunhas das pezas coas que a banda ortegana deleitará ao público do intercéltico.