Lembranzas

Tempo de recordar a memorable actuación do acordeonista Kepa Junkera no ano 2007 en Ortigueira. O seu xa mítico “Bok Espok” facía brincar aos milleiros de folkies que enchían a Alameda da vila. Ese mesmo ano compartía cartel cos desaparecidos anglo-irlandeses Flook, un grupo encabezado polo frautista Brian Finnegan, que é agora recoñecido por todos nós por participar este mesmo ano en Ortigueira da man da Brian Finnegan Big Band. Foi curioso que na actuación deste ano Finnegan quixo que os festivaleiros volvesen, dalgún xeito, a esa edición do 2007; e é que, acompañado pola súa banda, o frautista tocou ese tema que hai catro anos fixera vibrar a Ortigueira: o “Bok Espok” de Kepa Junkera.

Non foi esa a única vez que o bilbaíno estivo en Ortigueira. No ano 2002 Kepa Junkera chegaba ao noso Festival para actuar nun escenario no que tamén estarían os galegos Berrogüetto e Carlos Núñez, ademais do maxestuoso Liam O’Flynn e os Gaiteiros de Lisboa (entre outros). Gran programación a desa edición e un  Proxecto Runas no que outros andaluces (coma este ano) se facían co galardón. Os xa soados en Ortigueira Rarefolk lograban convencer ao xurado dese ano e, dalgún xeito, convencer á organización, xa que a pasada edición volvían a Ortigueira para pechar a derradeira noite de música na vila.

Pero a primeira vez que Kepa Junkera chegaba a Ortigueira foi no 1996, soamente un ano despois de que o Festival Internacional do Mundo Celta volvese a pórse en marcha. Nesa XII edición tamén debutarían os escoceses Shooglenifty, que volverían a Ortigueira no ano 2003 e 2010, e o mestre solista irlandés Mick O’Brien, que estaría tamén no 1997.

A Kepa Junkera coa súa visita no ano 2002 a Ortigueira “non lle quedou máis remedio que compoñerlle e adicarlle un tema” á nosa vila. Dese xeito, no ano 2003 no seu álbume “K” poderíase escoitar “Ortigueira Dantza”.

Canto teremos que esperar para bailar ao son de “Bok Espok” ou “Ortigueira Dantza”? Esperemos que non moito.

Capítulo 5: ambiente en Morouzos e Luar na Lubre

Novo vídeo de Bruno Area do sábado na praia e a proba de Luar na Lubre.

Remata a XXVII edición do Festival do Mundo Celta

O grupo galego The Crass foi o encargado de pechar as actuacións do escenario EstrellaMaría Quintiana Galicia deste ano. Ante un recinto da Alameda ateigado de xente, os The Crass puxeron o punto e final ás xornadas de festa na vila. Ademais, os debutantes en Ortigueira, The Elders e as irmáns Searson, animaron a boa noite que se quedou  na vila ortegana.

Pero Luar na Lubre foron os máis aclamados da noite. Tanto cos seus novos temas de “Solsticio” coma cos anteriores, o grupo  levantou aos milleiros de folkies que se atopaban no recinto.

Remataban os grandes concertos pero a clausura desta edición volveu ser da man do desfile de bandas polas rúas da vila ás 12 horas da tarde. Un desfile para o que chegaron bandas de Ourense, Ferrol e Asturias, entre outros.

 

Ortigueira baila ao son de Luar na Lubre

María QuintianaA Alameda está ateigada de xente. Con Luar na Lubre no escenario o único que se escoita son os berros dos milleiros de folkies que están na derradeira xornada do Festival. O público está moi animado e Luar na Lubre aínda os está a animar máis. Xa o grupo Rua Macmillan Trío preparou ben o ambiente unha hora antes. Pero o grupo de “Tu gitana” estano a dar todo no escenario e iso nótase.

Ortigueira, nestes intres, baila ao son de “A saia da Carolina”.

Capítulo 4: o venres da Escola de Gaitas e Berrogüetto

Bruno AreaFaltan escasos minutos para que dea comezo a derradeira noite de música en Ortigueira. Agora si que está todo a punto. Os escoceses Rua Macmillan Trío están a afinar os seus intrumentos para subir, en breves instantes, ao escenario Estrella Galicia.

Déixovos un vídeo de Bruno Area que resume a xornada de onte, sobre  todo a actuación da Escola de Gaitas de Ortigueira.

Todo listo para a derradeira noite de festa

Bruno AreaA Praza de Isabel II baila ao son da “Rumba para Susi”, e é que a Banda de Gaitas de Robaleira de Cedeira está a ofrecer un concerto na céntrica praza. Os que se acheguen ata alí poderán disfrutar de gaitas e tambores, acompañados de acordeón e, de vez en cando, ata un teclado. Un bo son para pasar esta soleada tarde en Ortigueira e para abrir boca do que será esta noite a derradeira xornada de festa no Estrella Galicia.

Mentres as bandas de gaitas lle puñan a banda sonora ás rúas da vila, o escenarioBruno Area principal estaba en plenas probas de son. Comezaban a primeira hora da tarde os galegos The Crass, seguidos de Searson e The Elders. E neste mesmo momento son os galegos Luar na Lubre os que están no escenario poñendo todo a punto para que, en poucas horas, arranque o que será unha gran noite en Ortigueira.

Bruno AreaEstá todo preparado, as rúas están ateigadas de xente e a acampada de Morouzos outro tanto. A entrada en Ortigueira en coche comeza a ser un pouco lenta pero non vos preocupedes, a espera asegúrovos que valerá a pena.

Vinde á derradeira noite do Festival do Mundo Celta de Ortigueira.

Fotos: Bruno Area

Gran noite de música

Bruno AreaSe onte vos dicía que a Escola de Gaitas de Ortigueira arrasara co seu concerto, os outros galegos da noite non se quedaron detrás; e é que Berrogüetto saiu triunfante do escenario Estrella Galicia. Foron case dúas horas as que Anxo Pintos  e compañía puxeron enerxía, boa música e, como non, entretemento.

En realidade, todos os grupos da pasada noite animaron aos folkies que ateigaban o recinto da Alameda. Logo de que a banda galega agasallase ao público con varios bises, a Brian Finnegan Big Band foi quen de manter o gran ambiente que deixaran os galegos co seu recital. E de Irlanda a Bretaña da man de David Pasquet group. O músico e a súaBruno Area banda fixeron bailar aos folkies coa que sería a actuación que dese paso á derradeira de noite, The Urban Folk Quartet.

Neste momentos, comézase a preparar o que será a noite de clausura do escenario Estrella Galicia. O grupo galego The Crass, que serán os encargados de pechar a noite, chegaron hai escasos minutos a Ortigueira e nestes intres estánse a preparar para que dean comezo as probas de son. Luar na Lubre e os americanos The Elders son dous das cinco bandas coas que os festivaleiros disfrutaran na derradeira xornada de festa.

Fotos: Bruno Area

 

A Escola de Gaitas gáñase ao público

Bruno AreaA Escola de Gaitas de Ortigueira volveu arrasar no escenario Estrella Galicia. Un ano máis, os festivaleiros puideron disfrutar da que é a anfitriona do evento. E este ano a Escola de Gaitas brilou aínda máis, grazas a un reperterio elaborado con temas cos que hai a redor de 15 anos xa facían emocionar aos asistentes.

Moi puntuais, ás 21:30 horas, os músicos de Ortigueira subían ao escenario e soaban os primeiros acordes da noite. Cantarrula e Brétemas Betanceiras foron os temas elixidos para abrir o concerto. Muiñeiras, rumbas e valses, todo servíu. O público de Ortigueira estaba coa súa banda, e amosárono con grandes ovacións. Tamén houbo baile e cantareiras; e unha novidade, as castañolas das bailadoras, que lle deron un toque renovado a ese baile que xa se está a converter nunha tradición na actuación da Escola de Gaitas no Festival.

Pero o prato forte quedaba para a parte final do concerto. “As inquedanzas dos nosos músicos”, como dicía a gaiteira Ana Piñón, que fixo de presentadora da gala, fixeron que nove músicos da Escola (entre eles o seu director ao acordeón e un dos músicos ábruno area mandolina) amosaran a destreza que teñen sobre o seu intrumento e o entusiasmo que todos eles lle poñen a cada unha das cancións. Remataban e volvían á formación de banda porque quedaba o máis enérxico. Bombo e tambores comezaban a soar, e é que outra das sorpresas da noite foi o solo de percusión que tres dos músicos da Escola se marcaron. Durante algo máis de dous minutos deixaron coa boca aberta aos asistentes (eu entre eles) e non fixeron outra cousa que calentar máis, se cabe, o ambiente. E do solo (ou solazo) pasaron ao mítico “Aires de Rumba”, que foi un deses temas que decidiron volver recoller para o seu repertorio; e como non, destacar o tributo que lle fixeron ao xa desaparecido grupo ortegán Bágoa de Raíña, intrepretando un dos seus temas e enlazándoo coa xa tradicional e inigualable “Muiñeira do Albariño”.

En definitiva, un ano máis a Escola de Gaitas de Ortigueira volveu a facer brincar aos festivaleiros e emocionar a moitos dos ortegáns. Sen dúbida, un concerto memorable.

Continúa a festa en Ortigueira con Berrogüetto no escenario Estrella Galicia.

Fotos: Bruno Area

Stolen Notes volverán a Ortigueira no 2012

Bruno AreaO Proxecto Runas xa ten gañador. O xurado fallou hoxe a mediodía a favor dos Stolen Notes. Para sorpresa dalgúns, que crían ter clara a proclama dos galegos Ulträqäns como gañadores, os de Andalucía lograron chegar aos membros do xurado e así poder formar parte do cartel do vindeira edición do Festival Internacional do Mundo Celta. Por tanto, pódese dicir que xa hai un grupo seguro para o 2012, Stolen Notes.

E todo isto dentro dunha xornada na que a choiva quixo deslucir a nova xornada de festa na vila pero que non conseguiu. Foron moitas as persoas que encheron as rúas de OrtigueiraBruno Area e que, como non, pasearon pola tradicional feira de artesanía. Ademais, todos eles puideron disfrutar das actuacións nas rúas da Banda de Gaitas de Verín e Banda de Gaitas Terras do Cigarrón.

Nestes mesmos intres estanse a ultimar os detalles no escenario Estrella Galicia. Os galegos Berrogüetto están coa proba de sone logo será a quenda da Escola de Gaitas de Ortigueira. E todo isto soamente unha hora antes de que arranque unha nova xornada de música no Festival do Mundo Celta; e sendo venres, os primeiros en pisar o escenario principal non poden ser outros que a Escola de Gaitas de Ortigueira. Nesta ocasión cun concerto no que recollen algúns dos temas cos que hai anos xa facían disfrutar ao público do Festival.

Fotos: Bruno Area

Skerryvore, os triunfadores da noite

Marta PlatasCoa resaca da primeira xornada musical en Ortigueira, estamos á espera de coñecer o fallo do xurado do Proxecto Runas, xa que ao final será hoxe ás 13:30 horas cando se reunan e decidan cal das dúas bandas é merecedora de formar parte do cartel do Festival do vindeiro ano.

Ulträqäns, para moitos, os mellores da noite. O lider da banda soubo meterse no peto ás milleiras de persoas que brincaban na Alameda; e todo isto cunha música enérxica e que verdadeiramente soaba a Festival. Quizais demasiado rockeiros, pero o que é certo é que o público recolle moi ben eses novos sons que, pouco a pouco, van internándose nas bandas folk e celtas. Seguir lendo “Skerryvore, os triunfadores da noite”