Lembranzas

Tempo de recordar a memorable actuación do acordeonista Kepa Junkera no ano 2007 en Ortigueira. O seu xa mítico “Bok Espok” facía brincar aos milleiros de folkies que enchían a Alameda da vila. Ese mesmo ano compartía cartel cos desaparecidos anglo-irlandeses Flook, un grupo encabezado polo frautista Brian Finnegan, que é agora recoñecido por todos nós por participar este mesmo ano en Ortigueira da man da Brian Finnegan Big Band. Foi curioso que na actuación deste ano Finnegan quixo que os festivaleiros volvesen, dalgún xeito, a esa edición do 2007; e é que, acompañado pola súa banda, o frautista tocou ese tema que hai catro anos fixera vibrar a Ortigueira: o “Bok Espok” de Kepa Junkera.

Non foi esa a única vez que o bilbaíno estivo en Ortigueira. No ano 2002 Kepa Junkera chegaba ao noso Festival para actuar nun escenario no que tamén estarían os galegos Berrogüetto e Carlos Núñez, ademais do maxestuoso Liam O’Flynn e os Gaiteiros de Lisboa (entre outros). Gran programación a desa edición e un  Proxecto Runas no que outros andaluces (coma este ano) se facían co galardón. Os xa soados en Ortigueira Rarefolk lograban convencer ao xurado dese ano e, dalgún xeito, convencer á organización, xa que a pasada edición volvían a Ortigueira para pechar a derradeira noite de música na vila.

Pero a primeira vez que Kepa Junkera chegaba a Ortigueira foi no 1996, soamente un ano despois de que o Festival Internacional do Mundo Celta volvese a pórse en marcha. Nesa XII edición tamén debutarían os escoceses Shooglenifty, que volverían a Ortigueira no ano 2003 e 2010, e o mestre solista irlandés Mick O’Brien, que estaría tamén no 1997.

A Kepa Junkera coa súa visita no ano 2002 a Ortigueira “non lle quedou máis remedio que compoñerlle e adicarlle un tema” á nosa vila. Dese xeito, no ano 2003 no seu álbume “K” poderíase escoitar “Ortigueira Dantza”.

Canto teremos que esperar para bailar ao son de “Bok Espok” ou “Ortigueira Dantza”? Esperemos que non moito.