Boas tardes a todos!
Despois de varios meses volvo para dárvos a que creo será unha boa noticia. E é que xa hai data para a nova edición do Festival Internacional de Música Celta de Ortigueira. A vila encherá as súas rúas de música os días 12, 13, 14 e 15 de xullo de 2012.
A nova data será unha semana máis tarde do que viña a ser habitual. Con isto, a organización intenta facilitar a asistencia de estudantes universitarios, tendo en conta que as tres universidades galegas rematarán os seus períodos de avaliación o sábado 14 de xullo. Non cabe dúbida de que continúan a ser uns días moi próximos aos exames, pero agora o que queda é aplicarse ben e así poder achegarse a Ortigueira a formar parte da que será a XXVIII edición do Festival Internacional de Música Celta.
A banda andaluza Stolen Notes, gañadora do Proxecto Runas 2011, é a primeira confirmada. Subirase ao escenario Estrella Galicia probablemente o día 14, un día no que, de seguro, tamén estarán en Ortigueira grandes músicos do folk e do celta.
Sen máis, agora o único que podemos facer é comezar coas apostas, procurar as xiras das mellores bandas e así poder configurar o noso particular programa para Ortigueira 2012. Eu, fareino.