Un ano máis a Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, é o lugar elixido para presentar a nova edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Dos 1.293 metros cadrados que Turgalicia terá para promocionar o turismo galego, Ortigueira ocupará un bo espazo. De feito, o vindeiro mércores 18, o mesmo día da inauguración do evento, o Festival de Ortigueira fará a presentación oficial dalgunhas das novidades que este ano poderán ver os festivaleiros que se acheguen á vila ortegana.
Unha das novidades xa a coñecemos. O Festival terá lugar unha semana despois do que viña a ser habitual nos últimos anos, para así facilitar a asistencia dos estudantes universitarios. Deste xeito, a edición do 2012 serán os días 12, 13, 14 e 15 de xullo.
Conforme se vaia coñecendo algo máis ireivos informando. Polo momento, deixovos un vídeo dun grupo que descubrín hai ben pouco. Chámase Kasír e son tres rapaces daneses que comezaron a súa andaina na música celta hai escasos cinco anos. O seu estilo poderíase definir como “música popular irlandesa contemporánea” grazas ao contacto que os tres membros do grupo tiveron sempre con outras músicas como a folkórica, a clásica ou o funk e o rock. Así, os danesese Kasír, aínda que contan no seu repertorio con obras tradicionais, crean as súas propias cancións con ese estilo tan marcado.