O Proxecto Runas volve ao Festival Ortigueira. Onte sairon as bases para o concurso que sirve como plataforma para dar a coñecer a grupos emerxentes do folk e do celta de todo o mundo. De todas as bandas que se presenten, soamente serán tres as que compitan en directo no escenario Estrella Galicia o xoves 12 de xullo, día no que dará comezo a XXVIII edición do Mundo Celta.
O proceso de selección será semellante ao das pasadas edicións. Na primeira fase, o comité técnico (designado polo Concello de Ortigueira), elixirá ata quince grupos. Logo disto, a segunda fase de selección correrá da man de axentes musicais, artistas e técnicos, ademáis do voto emitido polos internautas do 11 ao 25 de abril dende a web do Festival. Desa segunda fase sairán as tres bandas finalistas e así soamente caberá esperar a que un xurado profesional decida, tras asistir aos concertos, cal é a banda gañadora.
Se queres consultar as bases do Proxecto Runas en castelán pincha AQUÍ. Se prefires facelo en galego faino AQUÍ.
Outras novas
O concurso internacional de carteis para a vindeira edición do Festival Internacional do Mundo Celta xa está en marcha. Trátase de atopar o mellor deseño e convertilo así no cartel promocional do Festival Ortigueira 2012. Esta inciativa xorde como unha oportunidade para que artístas gráficos de todo o mundo poidan proxectar o seu traballo nun dos Festivais de música celta máis importantes de todo o mundo. As persoas interesadas poderán facelo dende o 19 de marzo ao 2 de abril achegando as súas propostas ao Concello de Ortigueira, seguindo as instruccións expostas na páxina web do Festival.
Para ver as bases do concurso de carteis en castelán pincha AQUÍ e para velas en galego AQUÍ.
Ademáis, durante este mes de febreiro os que se achegen ao Centro de Recepción de Visitantes de Ortigueira, situado no Porto da vila, poderán ver a exposición “Ortigueira X”, do fotoxornalista galego Kiko Delgado. Trátase dunha colección de imaxes que retractan a última década do Festival dende a perspectiva do artista, unha mostra que fora estreada a pasada edición do Mundo Celta. A exposición estará aberta ao público durante todo o mes de febreiro, os luns pola tarde e de martes a sábado de 11 a 14 e de 17 a 20 horas.