Electric Céilí pechará a derradeira noite de festa do Festival Ortigueira

Nótase que xa é sábado. Foliadas de espontáneos nas rúas ou no xa mítico bar Caracas fan que o ambiente sexa do máis festivaleiro. A Feira de artesanía situada ao lado dos Xardíns do Malecón estivo tamén con continuo movemento de visitantes; e é que esta será a derradeira noite de festa en Ortigueira e os folkies lévanse preparando para iso durante todo o día.

Os escoceses Oban Pipe band serán os encargados de abrir a xornada de concertos no escenario Estrella Galicia. A banda de Escocia, unha das señas de identidade do Festival Ortigueira, fará soar as súas recoñecibles gaitas e, como non, os seus característicos redoblantes. Pero logo será a hora dun grupo galego, Crema de Gaita, encabezado polo músico e compositor, Ernesto Campos. Logo dos galegos, The Rua Macmillan band será faga pór en pé ao público de Ortigueira, público que, de seguro, bilará e brincará coa chegada dos irlandeses Electric Céilí para pechar a noite.

Sen máis, todo punto para que dea comezo a derradeira noite de festa da XXVIII edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.

Noite de boa música en Ortigueira

Os Blazzin’ Fiddles e Jamie Smith Mabon non defraudaron ao público de Ortigueira. A pasada noite os festivaleiros vibraron ao son destas dúas bandas, coas que xa se esperaba un final apoteósico; e así aconteceu.

A noite comezaba con bo pé coa Bagad Glazik Kemper. O escenario Estrella Galicia enchíase coa música máis tradicional bretona e foi soamente un adianto do que viría máis tarde. Os andaluces Stolen Notes fixeron unha actuación tranquila pero en moitos momentos conseguiron facer brincar ao público de Ortigueira. De feito os concertos continuaron nesa liña, xa que a Escola de Gaitas de Ortigueira subía aos escenario en terceiro lugar, abrindo a actuación con “Ortigueira suite”, de Ernesto Campos. O compositor quixo estar presente na estrea da súa obra no Festival e acompañou aos músicos orteganos ao piano.

Pero os pratos fortes estaban por chegar e os folkies eran conscientes diso. Tan pronto como os violíns dos Blazzin’ Fiddles comezaron a soar, o público de Ortigueira acendeu e non se apagou ata que, case ás 5 horas da madrugada se puxera punto e final á segunda noite de festa do Festival Ortigueira. E os encargados de pechala foron Jamie Smith Mabon que conseguiron tamén facer brincar aos folkies congregados na Alameda da vila.

Foto: José Pardo

Xa está en marcha a segunda noite de festa en Ortigueira

Nestes momentos Ortigueira baila ao son da Bagad Glazik Kemper. A banda bretona foi a encargada de abrir os concertos na segunda noite de festa. Pero en poucos minutos será a hora dos Stolen Notes, gañadores da edición pasada do Runas e que tentarán seguir a liña marcada polos bretóns. Despois da actuación dos andaluces, a Escola de Gaitas de Ortigueira subirase ao escenario no que será un dos seus concertos máis especiais, xa que a banda anfitriona presentará “Ortigueira suite”, unha obra de Ernesto Campos adicada ao Festival do Mundo Celta.

Logo de todo isto chegarán os pratos fortes da noite. Os escoceses Blazzin’ Fiddles de seguro calentarán o ambiente dos folkies e farán da súa actuación unha auténtica festa. Unha festa que continuará con Jamie Smith Mabon, que serán os encargados de pechar esta segunda xornada de festa sobre as 4.30 horas.

Os escoceses Oban Pipe band en Ortigueira

Déixovos un pequeno vídeo da actuación da Oban Pipe band no acto inaugural de onte na Praza de Isabel II. A banda escocesa será a encargada de abrir os concertos do escenario Estrella Galicia da xornada de mañá.

 

Harmonica Creams, gañadores do Runas 2012

Despois da primera noite de festa, o Festival Ortigueira está case a punto para arrancar de novo os aplausos entre os festivaleiros que se congregarán na Alameda. Onte foi día de grupos noveis. A apertura do escenario Estrella Galicia foi a cargo do Grupo celta da escola de música de Ortigueira, unha actuación coa que se quería amosar o traballo que durante varios anos levaban facendo profesores e alumnos da escola. O grupo, encabezado por Juan Barcón, profesor de gaita ademáis de acordeonista, frautista, etc., foi quen de levantar a un público que estaba, sen ningunha dúbida, cos seus músicos.

Pero logo chegou o momento dos Runas. Avelaiña foi o grupo encargado de abrir a noite, banda que sorprendeu cun directo bastante animado. Logo foi a hora de Rastrexos Project, que soubo tamén facer vibrar aos festivaleiros nalgún momento, aínda que non coma o conseguiu Avelaiña ou Alén dos Ancos, que tamén souberon calentar o ambiente antes de que pisaran o escenario os que serían os gran triunfadores da noite. Cun concerto moi enérxico e no que amosaron a súa valía, Harmonica Creams foi o peche perfecto da primera noite de festa na vila. De feito, a súa boa actuación fixo que o xurado fallara esta mesma mañá ao seu favor e que, dende xa se convirtan, como gañadores do Proxecto Runas 2012, na primeira banda confirmada para a XXIX edición do Festival Ortigueira .

O Festival Ortigueira está a piques de dar comezo

A tan só media hora de que quede inaugurada a XXVIII edición do Mundo Celta co acto que encabeza a Escola de Gaitas de Ortigueira, no outro foco do Festival xa se comeza a ver máis movemento. O Piñeiral de Morouzos está a recibir cada vez a máis folkies chegados dende unha infenidade de lugares. Os servizos especiais de autobuses e trens do Festival Ortigueira están a ser os medios de transporte máis elixidos para chegar á vila. Pero o gran desembarco de festivaleiros non se dará ata mañá ao mediodía, tendo en conta o comezo da fin de semana.

No que se refire ás actividades diurnas, esta mesma mañá foi inaugurada a exposición do CENTRAD (Centro de artesanía e deseño da Deputación de Lugo) no claustro da Casa do Concello, unha exposición na que se poderán ver instrumentos e traxes tradicionais galegos. Por outra banda, os que se acheguen ao Centro de recepción de visitantes poderán descubrir numerosas fotografías de diferentes fotógrafos que pasaron polo Festival. É o caso de Kico Delgado, Ángel Manso, Xoán Piñón, Gabriel Tizón e Xurxo Lobato. Ademáis, a Feira de Artesanía situada xunto aos Xardíns do Malecón (Paseo marítimo) está dende as 17 horas desta tarde aberta para todos os visitantes.

O Proxecto Runas volve ter o protagonismo da noite de xoves do Festival Ortigueira

Chegou o día máis esperado. En menos de 12 horas dará comezo a que será a XXVIII edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Todo a punto para que ás 20:15 horas os escoceses Oban Pipe Band, a Bagad Glazik Kemper dende Bretaña, a Banda de Gaitas de Verín dende Ourense (Galicia), pero todas elas encabezadas pola anfitriona, a Escola de Gaitas de Ortigueira, enchan a Praza de Isabel II cos primeiros acordes, no que será o acto inaugural desta nova edición.

E isto soamente será o anticipo da primeira xornada de música na vila. Ás 22:15 horas será o momento no que se dea paso á apertura do escenario Estrella Galicia. Para iso este ano os encargados de facelo será o Grupo celta da Escola de Música de Ortigueira, que dende a organización do Festival queren darlle a oportunidade para que amosen aos folkies o traballo feito durante máis de dous anos. Pero iso soamente será un aperitivo do plato forte da noite xa que a continuación será o momento no que os finalistas do Proxecto Runas demostren a súa valía ante o público festivaleiro e, ademais, ante os xurado que, ao día seguinte, fallará a favor dun ou doutro.

O primeiro dos finalistas en pisar o escenario serán os galegos Avelaiña, unha banda marcada pola fusión de estilos e polo aire contemporáneo dos seus ritmos e melodías. Unha mestura que, de seguro, gustará aos alí presentes. Logo deles será o momento no que Rastrexos Project, tamén galegos, suban ao escenario para presentar a súa proposta de fusión de estilos de músicas internacionais, entre os estarán sons africanos, latinos, brasileiros, galegos, etc. E todo isto marcado por unha posta en escena na que a percusión cobra gran protagonismo. A continuación será momento para os tamén galegos Alén dos Ancos, caracterizados por un estilo de folk fusión no que mesturan temas tradicionais con temas de composición propia. E xa a derradeira actuación da noite correrá da man dos xaponeses Harmonia Cream. Será a primeira vez que un grupo asiático participe como finalista no Proxecto Runas e, neste caso, brindarán un concerto no que deixen ver  o seu estilo, que está marcado pola mestura de melodías celtas e blues.

O epicentro do Mundo Celta está case a punto

O escenario Estrella Galicia está case listo para que mañá ás 22:15 horas dea comezo a nova edición do Festival Ortigueira. Unha vez máis o lugar elixido é o recinto da Alameda da Vila, un espazo único con fermosas vistas á ría de Ortigueira. Ademais, os comerciantes da Feira de Artesanía teñen xa os postos instalados para que mañá dende as  17 horas os festivaleiros se poidan achegar a ver e mercar todo tipo de productos, sobre todo, de corte tradicional e aire celta.

Polo que respecta ao Piñeiral de Morouzos, xa comeza a verse ambiente folkie. De feito, a pasada tarde-noite chegaron gran número de festivaleiros. De todos os xeitos, hoxe espérase que o desembarco sexa máis notable aínda que, por experiencia doutros anos, o maior número de folkies fará entrada na vila o venres á tardiña.

Mañá os concertos do escenario principal abriranse co Grupo Celta da Escola de Música de Ortigueira, que non será máis ca o comezo da que será a noite dos grupos noveis: a noite do Runas. Avelaiña, Rastrexos Project, Alén de Ancos e Harmonia Cream son os finalistas do Proxecto Runas deste ano e, por tanto, os encargados de facer vibrar a Ortiguiera na primeira noite de Festival.

Achegádevos a Ortigueira, vinde a participar na que será a XXVIII edición do Festival Internacional do Mundo Celta. Un Festival de moita historia e no que resulta imposible non pasalo ben.

De interés

Para poder acceder aos hoarios dos servizos especiais da compañía de buses ARRIVA fai click AQUÍ 

Para acceder aos horarios dos servizos especiais de trens de FEVE fai click AQUÍ 

A dous días de que dea comezo a XXVIII edición do Festival Ortigueira…

Asemella que os folkies máis madrugadores están a chegar xa ao Piñeiral de Morouzos; e é que, a duas noites de que arranque a música no escenario Estrella Galicia, en Ortigueira xa se respira o ambiente festivaleiro.

Esta nova edición do Mundo Celta contará con algún ca outro cambio. Por unha banda, a zona de acampada terá unha maior seguridade, o que conleba que dende hai uns días se estean a realizar controis nos accesos ao Piñeiral, nun intento por facer da acampada un lugar de descanso e de boa convivencia. Prohibense así a entrada de xeradores, bombonas de gas e aparellos músicais de gran potencia. Por outra banda, dende a organización quérese conseguir crear unha acampada máis sostible, polo que nos programas de man danse unha serie de consellos prácticos para que todo isto se leve a cabo.

Ademais, por segundo ano consecutivo habilítase un aparcadoiro vixiado 24 horas preto do casco urbano no que se deberá abonar a cantidade conrespondente segundo o día de entrada e o tipo de vehículo. Pero unha das principais novidades é a que respecta ao servizo de autobuses urbanos que adoitaba conectar a vila coa zona da acampada. Este ano debido aos recortes no orzamento do Festival, este servizo redúcese e soamente funcionará de 16 a 23 horas de xoves a sábado, enlazando únicamente o aparcadoiro oficial e a vila.

Ortigueira está, por tanto, case a punto para que dea comeza o Mundo Celta. Nun ano no que o 50% dos grupos do cartel que pisarán o escenario Estrella Galicia proveñen de dous dos países máis importantes da xeografía celta, como son Irlanda e Escocia, o lecer dos amantes do folk está máis que asegurado. É por iso, que en vindeiras actualizacións, falaremos máis polo miudo de tódolos artistas que pasarán este ano polo xa mítico escenario do Festival de Ortigueira.