O Festival Ortigueira está a piques de dar comezo

A tan só media hora de que quede inaugurada a XXVIII edición do Mundo Celta co acto que encabeza a Escola de Gaitas de Ortigueira, no outro foco do Festival xa se comeza a ver máis movemento. O Piñeiral de Morouzos está a recibir cada vez a máis folkies chegados dende unha infenidade de lugares. Os servizos especiais de autobuses e trens do Festival Ortigueira están a ser os medios de transporte máis elixidos para chegar á vila. Pero o gran desembarco de festivaleiros non se dará ata mañá ao mediodía, tendo en conta o comezo da fin de semana.

No que se refire ás actividades diurnas, esta mesma mañá foi inaugurada a exposición do CENTRAD (Centro de artesanía e deseño da Deputación de Lugo) no claustro da Casa do Concello, unha exposición na que se poderán ver instrumentos e traxes tradicionais galegos. Por outra banda, os que se acheguen ao Centro de recepción de visitantes poderán descubrir numerosas fotografías de diferentes fotógrafos que pasaron polo Festival. É o caso de Kico Delgado, Ángel Manso, Xoán Piñón, Gabriel Tizón e Xurxo Lobato. Ademáis, a Feira de Artesanía situada xunto aos Xardíns do Malecón (Paseo marítimo) está dende as 17 horas desta tarde aberta para todos os visitantes.

O Proxecto Runas volve ter o protagonismo da noite de xoves do Festival Ortigueira

Chegou o día máis esperado. En menos de 12 horas dará comezo a que será a XXVIII edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Todo a punto para que ás 20:15 horas os escoceses Oban Pipe Band, a Bagad Glazik Kemper dende Bretaña, a Banda de Gaitas de Verín dende Ourense (Galicia), pero todas elas encabezadas pola anfitriona, a Escola de Gaitas de Ortigueira, enchan a Praza de Isabel II cos primeiros acordes, no que será o acto inaugural desta nova edición.

E isto soamente será o anticipo da primeira xornada de música na vila. Ás 22:15 horas será o momento no que se dea paso á apertura do escenario Estrella Galicia. Para iso este ano os encargados de facelo será o Grupo celta da Escola de Música de Ortigueira, que dende a organización do Festival queren darlle a oportunidade para que amosen aos folkies o traballo feito durante máis de dous anos. Pero iso soamente será un aperitivo do plato forte da noite xa que a continuación será o momento no que os finalistas do Proxecto Runas demostren a súa valía ante o público festivaleiro e, ademais, ante os xurado que, ao día seguinte, fallará a favor dun ou doutro.

O primeiro dos finalistas en pisar o escenario serán os galegos Avelaiña, unha banda marcada pola fusión de estilos e polo aire contemporáneo dos seus ritmos e melodías. Unha mestura que, de seguro, gustará aos alí presentes. Logo deles será o momento no que Rastrexos Project, tamén galegos, suban ao escenario para presentar a súa proposta de fusión de estilos de músicas internacionais, entre os estarán sons africanos, latinos, brasileiros, galegos, etc. E todo isto marcado por unha posta en escena na que a percusión cobra gran protagonismo. A continuación será momento para os tamén galegos Alén dos Ancos, caracterizados por un estilo de folk fusión no que mesturan temas tradicionais con temas de composición propia. E xa a derradeira actuación da noite correrá da man dos xaponeses Harmonia Cream. Será a primeira vez que un grupo asiático participe como finalista no Proxecto Runas e, neste caso, brindarán un concerto no que deixen ver  o seu estilo, que está marcado pola mestura de melodías celtas e blues.