Xa está en marcha a segunda noite de festa en Ortigueira

Nestes momentos Ortigueira baila ao son da Bagad Glazik Kemper. A banda bretona foi a encargada de abrir os concertos na segunda noite de festa. Pero en poucos minutos será a hora dos Stolen Notes, gañadores da edición pasada do Runas e que tentarán seguir a liña marcada polos bretóns. Despois da actuación dos andaluces, a Escola de Gaitas de Ortigueira subirase ao escenario no que será un dos seus concertos máis especiais, xa que a banda anfitriona presentará “Ortigueira suite”, unha obra de Ernesto Campos adicada ao Festival do Mundo Celta.

Logo de todo isto chegarán os pratos fortes da noite. Os escoceses Blazzin’ Fiddles de seguro calentarán o ambiente dos folkies e farán da súa actuación unha auténtica festa. Unha festa que continuará con Jamie Smith Mabon, que serán os encargados de pechar esta segunda xornada de festa sobre as 4.30 horas.

Os escoceses Oban Pipe band en Ortigueira

Déixovos un pequeno vídeo da actuación da Oban Pipe band no acto inaugural de onte na Praza de Isabel II. A banda escocesa será a encargada de abrir os concertos do escenario Estrella Galicia da xornada de mañá.

 

Harmonica Creams, gañadores do Runas 2012

Despois da primera noite de festa, o Festival Ortigueira está case a punto para arrancar de novo os aplausos entre os festivaleiros que se congregarán na Alameda. Onte foi día de grupos noveis. A apertura do escenario Estrella Galicia foi a cargo do Grupo celta da escola de música de Ortigueira, unha actuación coa que se quería amosar o traballo que durante varios anos levaban facendo profesores e alumnos da escola. O grupo, encabezado por Juan Barcón, profesor de gaita ademáis de acordeonista, frautista, etc., foi quen de levantar a un público que estaba, sen ningunha dúbida, cos seus músicos.

Pero logo chegou o momento dos Runas. Avelaiña foi o grupo encargado de abrir a noite, banda que sorprendeu cun directo bastante animado. Logo foi a hora de Rastrexos Project, que soubo tamén facer vibrar aos festivaleiros nalgún momento, aínda que non coma o conseguiu Avelaiña ou Alén dos Ancos, que tamén souberon calentar o ambiente antes de que pisaran o escenario os que serían os gran triunfadores da noite. Cun concerto moi enérxico e no que amosaron a súa valía, Harmonica Creams foi o peche perfecto da primera noite de festa na vila. De feito, a súa boa actuación fixo que o xurado fallara esta mesma mañá ao seu favor e que, dende xa se convirtan, como gañadores do Proxecto Runas 2012, na primeira banda confirmada para a XXIX edición do Festival Ortigueira .