Electric Céilí pechará a derradeira noite de festa do Festival Ortigueira

Nótase que xa é sábado. Foliadas de espontáneos nas rúas ou no xa mítico bar Caracas fan que o ambiente sexa do máis festivaleiro. A Feira de artesanía situada ao lado dos Xardíns do Malecón estivo tamén con continuo movemento de visitantes; e é que esta será a derradeira noite de festa en Ortigueira e os folkies lévanse preparando para iso durante todo o día.

Os escoceses Oban Pipe band serán os encargados de abrir a xornada de concertos no escenario Estrella Galicia. A banda de Escocia, unha das señas de identidade do Festival Ortigueira, fará soar as súas recoñecibles gaitas e, como non, os seus característicos redoblantes. Pero logo será a hora dun grupo galego, Crema de Gaita, encabezado polo músico e compositor, Ernesto Campos. Logo dos galegos, The Rua Macmillan band será faga pór en pé ao público de Ortigueira, público que, de seguro, bilará e brincará coa chegada dos irlandeses Electric Céilí para pechar a noite.

Sen máis, todo punto para que dea comezo a derradeira noite de festa da XXVIII edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.

Noite de boa música en Ortigueira

Os Blazzin’ Fiddles e Jamie Smith Mabon non defraudaron ao público de Ortigueira. A pasada noite os festivaleiros vibraron ao son destas dúas bandas, coas que xa se esperaba un final apoteósico; e así aconteceu.

A noite comezaba con bo pé coa Bagad Glazik Kemper. O escenario Estrella Galicia enchíase coa música máis tradicional bretona e foi soamente un adianto do que viría máis tarde. Os andaluces Stolen Notes fixeron unha actuación tranquila pero en moitos momentos conseguiron facer brincar ao público de Ortigueira. De feito os concertos continuaron nesa liña, xa que a Escola de Gaitas de Ortigueira subía aos escenario en terceiro lugar, abrindo a actuación con “Ortigueira suite”, de Ernesto Campos. O compositor quixo estar presente na estrea da súa obra no Festival e acompañou aos músicos orteganos ao piano.

Pero os pratos fortes estaban por chegar e os folkies eran conscientes diso. Tan pronto como os violíns dos Blazzin’ Fiddles comezaron a soar, o público de Ortigueira acendeu e non se apagou ata que, case ás 5 horas da madrugada se puxera punto e final á segunda noite de festa do Festival Ortigueira. E os encargados de pechala foron Jamie Smith Mabon que conseguiron tamén facer brincar aos folkies congregados na Alameda da vila.

Foto: José Pardo