Aberto o prazo para as votacións en liña do Proxecto Runas 2013

Dende o pasado día 12 de abril activouse o proceso para que os internautas podades formar parte da elección dos grupos emerxentes que formarán parte do Proxecto Runas de este ano. Os votos en liña servirán para que, xunto aos votos do xurado especializado, se decida cales serán os tres grupos que actúen na XXIX Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira

Como ben sabedes, o Proxecto Runas é unha propoposta nada no ano 2000 da man do Concello de Ortigueira como unha estratexia de promoción de grupos noveis. As bandas preséntanse a concurso, pasan un proceso de selección e, unha vez queden seleccionados (que adoitan ser tres grupos), actúan na noite Runas dese ano. A través desas actuacións o xurado falla a favor dun, que ademais de recibir unha recompensación económica, convértese directamente na primeira banda confirmada para actuar no escenario Estrella Galicia da seguinte edición do Mundo Celta.

Nesta ocasión, a primeira fase de selección pasárona 10 grupos. Un dato a destacar é que é a primeira vez que unha banda bretona figura na lista de seleccinados. Trátase do grupo Skarn, que de momento leva 115 puntos a favor. A lista a completan os seguintes grupos: Autodate folk band (Canarias) con 2035 puntos, Boc (Illas Baleares) con 548, Excómunion (Castela e León) con 174, Manuel Galán e Jesús Cid Quinteto (Castela e León) con 300, Folk on Crest (Castela e León) con 1996, Ruaille Buaille (País Vasco) con 1351, Sigulka (Madrid) con 139, Solana (Cominidade Valenciana) con 149 e os galegos Guezos con 1344.

Deste xeito, para formar parte do proceso de selección das bandas do Proxecto Runas, soamente tendes que ir á páxina oficial do Festival Ortigueira facendo click AQUÍ.

Poderedes escoitar os diferentes grupos, acceder á súa ficha técnica e logo votar polo voso favorito. Eu xa o fixen! 😉

Animádevos pois a participar nas votacións do Proxecto Runas e así entre todos conformaremos o cartel da primeira noite de festa en Ortigueira, que será a do xoves día 11 de xullo. Así que, elixide ben.