Os Cempés, Kan e Gwendal cabezas de cartel da XIX edición do Festival Ortigueira

Fíxose esperar pero por fin se coñeceu a semana pasada o cartel completo da nova edición do Mundo Celta. Esta é a programación completa, que pasarei a comentar.

Programación Festival11 de Xullo

O xoves, que dende hai uns anos se ten convertido na noite do Proxecto Runas, este ano contará cunha banda de luxo para pór o fin de festa. Os ferroláns Os Cempés volven pisar o escenario do Festival Ortigueira por terceira vez na súa historia (xa estiveran nos anos 1996 e 2004) para presentar o seu quinto disco, Tentemozo. Este novo traballo, que saía á luz en maio do pasado ano, convértese nun agasallo polos 20 anos transcurridos dende o seu primeiro concerto oficial. Os Cempés aseguran que “atoparon novos camiños sonoros e recrean con novos timbres o seu propio sonido característico e único”. Sen dúbida, os ferroláns caldearán o ambiente da primeira noite de festa en Ortigueira.

12 de Xullo

Vaia noite a do venres… A posta en marcha estará a cargo do grupo coruñes Birimbao, que debuta en Ortigueira co seu traballo “Nena do mare”. De seguido, a Escola de Gaitas de Ortigueiraa gran anfitriona do Festival, de seguro fará vibrar e emocionar á gran maioría dos alí presentes.

E logo, dúas das grandes apostas deste ano: as bandas irlandesas Kan e Guidewires. Que dicir de Kan? Cuarteto encabezado polo frautista Brian Finnegan e Aidan O’Rourke, que foran líderes de dúas das bandas máis importantes do folk irlandés, Flook e Lau, presentarán o seu novo traballo en Ortigueira: Sleeper. Cunha calidade musical indubidable, porán en pé ao público ortegano. Pero “o son máis fresco na música irlandesa” tamén tomará as riendas dos festivaleiros, ou iso intentarán. Guidewires está considerada como unha das bandas máis creativas do folk actual e, ademais, é unha das bandas irlandeses máis solicitadas do momento. Prometen unha actuación cargada de enerxía repasando os temas dos seus dous traballos, “Live” e “II”. Non volo podedes perder… (eu de seguro que non).

Para pechar a noite quedámonos en Galicia, máis concretamente, en Vigo. Begoña Riobó, que se ten convertido na primeira violinista folk galega en liderar a súa propia banda, chega a Ortigueira acompañada de catro recoñecidos músicos galegos que, todos eles, forman Riobó. Así, o escenario Estrella Galicia pechará a noite do venres con melodías tradicionais galegas arranxadas con “fórmulas interpretativas actuais”.

Déixovos un vido da banda Kan tocando o tema Night Ride no Celtic Conections do ano 2010

 

13 de Xullo

Se a noite do venres pintaba ben, a do sábado creo que aínda máis. O ortegano Kike Otero abrirá a noite coa súa Banda Crebinsky e, posteriormente, será a quenda da Bagad Glazik Kemper, de Bretaña. A terceira actuación da noite virá a cargo da Dominic Graham School of Irish Dance, que encherán por segunda vez o escenario de Ortigueira (2006) coas complexas coreografías que realizan para elevar a disciplina ao máis alto nivel.

E de coreografías directamente á tres derradeiras actuacións do escenario Estrella Galicia da XIX edición. Tres grandes bandas: Dán, Gwendal e Harmonica Creams. Falar de Dán é falar da macrobanda que, sen dúbida, fará vibrar aos festivaleiros. Escocia, Irlanda e Inglaterra estarán representadas no escenario xa que Dán é un novo proxecto nado da unión de músicos destas tres nacionalidades, ao mesmo tempo que de tres grandes bandas: Guidewires, Kan e Breton Quartet, e a vocalista Alyth McCormack

Por segunda vez actuará no Festival Ortigueira os míticos Gwendal, que é a cabeza de cartel desta edición. Debutaban no noso Festival no ano 2006 e este ano non podían faltar tendo en conta que están a celebrar o seu 40 aniversario. Así, unha mestura de folk, jazz, rock e música clásica soará en Ortigueira da man da banda bretona, que repasará o mellor da súa ampla discografía, que acumula xa dez álbumes de estudo e varios recopilatorios.

Gwendal interpretando Joke, un dos temas do seu último disco de estudio

E para pechar con festa asegurada, subiranse ao escenario Estrella Galicia os grandes triunfadores da pasada edición do Proxecto Runas e, para moitos, da edición en xeral: os xaponeses Harmonica Creams.

Nada máis, a prepararse porque quedan soamente 21 días para que dea comezo o XIX Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Recordade que é unha “cita ineludible do verán”

😉