Todo a punto para que dea comezo a segunda xornada de festa na vila de Ortigueira. O grupo coruñés Birimbao abrirá a noite na que ademais ten lugar o tradicional concierto da anfitriona do Mundo Celta, a Escola de Gaitas de Ortigueira. Estes tocarán de segundos e, de seguro, farán unha actuación á altura. Coma sempre.
Os grupos Kan e Guidewires serán os encargados de quentar aos folkies da Alameda. Como tamén o fará a banda viguesa Riobó que será quen poña o peche aos concertos do escenario Estrella Galicia.
En Morouzos bo ambiente, sobre todo, porque a acampada sona por fin a folk e celta, como debe ser nun festival coma este. E moita xente con ganas de pasalo ben!
E parece que non eran argalladas miñas nin imaxinacións que puideran xurdir do meu “frikismo” confesable por este festival as que fixeran que este mediodía vise festivaleiros onde non os había. Está comprobado que é inconfundible saber cando unha persoa vai para o Festival Ortigueira e cando non…
A Liña 5 do servizo de transporte urbano de Santiago que, para os que non o coñezades, é a que enlaza o centro da cidade coa Estación de Autobuses, ás 13.45 horas deste mediodía ía recollendo en difrentes paradas a rapaces e rapazas con tenda de campaña en man e mochilas de bos viaxeiros ao lombo. Ademais, roupa cómoda e, como non, cartón de viño á vista. Si, poderían ir para calquera outro festival ou mesmo para unha simple acampada de amigos. Pero estaba claro que non, e non me equivoquei. Mirei os horarios das liñas especiais para o Mundo Celta e, efectivamente, non me equivocaba. Ás 14:30 horas tiña saída o segundo autobús do día para o festival e, obviamente, hai que ir con tempo para non quedar en terra e ter que esperar ás 19.00 horas a que saia outro… O tempo en Ortigueira é ouro, e canto antes se estea alí, mellor. Que envexa me deron…
O primeiro concerto do Festival 2013 (D. Pérez)
Agora, de seguro, algún deles estará xa na acampada de Mourozos ou na Alameda escoitando aos Runas como están todos eses festivaleiros nesa foto que me acaban de enviar dende Ortigueira…
E é que xa está aquí, agora si que si o poido dicir aínda que sexa dende Compostela…
Arranca a XXIX edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
Folkies na parada de autobús urbano no 2011 (B. Area)
… E case todo listo. De feito, recórdovos aos que vaiades coller o coche para achegarse a Ortigueira que teñades en conta que á acampada de Morouzos unicamente se pode acceder a pé, en autobús urbano (1 euro a viaxe) ou en taxi. Así, habilítase un aparcadoiro oficial vixiado localizado preto do núcleo urbano (de pagamento) e tamén se permite o estacionamento dos vehículos no polígono industrial de Cuiña de forma gratuíta (sen vixilancia). Do mesmo xeito, lembrar tamén que para acceder ao camping é necesario pasar un control de seguridade, seguindo a liña comezada na pasada edición “no empeño de mellorar a seguridade e rematar con actividades molestas que proliferaron neste ámbito os últimos anos”. Así, impídese o acceso a Morouzos “con maquinaria como xeneradores, pranchas de cociña, bombonas de gas, aparellos de música potentes, altofalantes ou amplificadores…”.
Logo deste pequeno recordatorio, dicirvos que as prediccións meteorolóxicas continúan a ser máis que favorables. Se os que adoitades vir a Ortigueira non o podedes crer, os que somos de Ortigueira aínda menos. Pero parece que este ano si que se vai converter nunha realidade e que contaremos cun festival que, ademais de contar con boa música, contará tamén con bo tempo.
Polo tanto, boa música, bo tempo, boa compaña, bo ambiente, unha máis que boa (por non dicir a mellor) zona de acampada enclavada nunha paraxe natural impresionante… E todo o que cada un de vós lle queirades engadir, sempre que poida ir da man do adxectivo bo/boa, é o que poderedes atopar en Ortigueira. Así que xa non hai excusas para deixar de asistir ao único festival de balde de toda a península, un festival declarado de interese turístico internacional no ano 2005 e polo que teñen pasado as mellores bandas do celta e do folk a nivel internacional. Por algo será…
Agora si que si, xa está aquí. Mañá da comezo a semana na que Ortigueira se converte ano tras ano na capital da música celta. E parece que xa comeza a estar todo case listo. Chégame dende Ortigueira unha imaxe da Alameda e o escenario Estrella Galicia xa está a punto para que o xoves se suban ao escenario as bandas noveis do Proxecto Runas, que unha vez máis se encargarán de abrir as noites de festa de Ortigueira. Non vos esquezades de que este ano haberá máis que o Runas. Os encargados de pechar a noite serán os ferroláns Os Cempés que chegan a Ortigueira para presentar o seu último disco, “Tentemozo”.
Transporte urbano no Festival Ortigueira
A compañía Arriva Noroeste pón en marchan nesta edición o servizo de autobuses urbanos e o prezo da viaxe será de tan só un euro. O primeiro autobús sairá o xoves ás 18.00 horas dende o Parking e o itinerario sempre será o mesmo: Parking-Estación de Autobuses-Praia-Estación de Autobuses-Parking. Este transpoerte estará en marcha os catro días que dura o Festival.
Déixovos a ligazón no que podedes consultar todos os horarios. Só tendes que facer clic AQUÍ
RENFE e Arriva: servizos especiais
Un ano máis o transporte público pónse ao servizo do Festival Ortigueira incrementando as súas liñas. No caso de Arriva Noroeste activa vaixes especiais dende Ferrol, A Coruña, Santiago, Lugo, Santiago, Viveiro e Ourense. No caso de RENFE pón en marcha trens diarios dende Ferrol.
Se queres consultar as liñas especiais de Arriva Noroeste fai clic AQUÍ
Para ver os horarios dos servizos de RENFE para o Festival Ortigueira faino AQUÍ
E para os que andan pendentes do tempo para asistir a Ortigueira…
Fonte: 4gotas.com
Aínda que non o creades, parece que este ano conseguiremos que non caia ningunha gotiña en Ortigueira. Segundo o portal meteorolóxico 4gotas , o anticiclón que leva varios días sobre Galicia quedarase por aquí neste 15 primeiros días do mes de xullo, aínda que é cedo para confirmar estas prediccións. De todos os xeitos, o que si é certo é que o tempo non é un impedimento para ir a Ortigueira, xa que está demostrado que, con auga ou sen agua, a festa e a boa música sempre está asegurada no Mundo Celta.
Nada máis, a preparar tendas e mochila, que hai que ir indo para Ortigueira!
Que teñades un bo comezo da mellor semana do ano tod@s! 😉