Menos de 28 horas para o Festival Ortigueira…

Folkies na parada de autobús urbano no 2011 (B. Area)
Folkies na parada de autobús urbano no 2011
(B. Area)

… E case todo listo. De feito, recórdovos aos que vaiades coller o coche para achegarse a Ortigueira que teñades en conta que á acampada de Morouzos unicamente se pode acceder a pé, en autobús urbano (1 euro a viaxe) ou en taxi. Así, habilítase un aparcadoiro oficial vixiado localizado preto do núcleo urbano (de pagamento) e tamén se permite o estacionamento dos vehículos no polígono industrial de Cuiña de forma gratuíta (sen vixilancia). Do mesmo xeito, lembrar tamén que para acceder ao camping é necesario pasar un control de seguridade, seguindo a liña comezada na pasada edición “no empeño de mellorar a seguridade e rematar con actividades molestas que proliferaron neste ámbito os últimos anos”. Así, impídese o acceso a Morouzos “con maquinaria como xeneradores, pranchas de cociña, bombonas de gas, aparellos de música potentes, altofalantes ou amplificadores…”.

Logo deste pequeno recordatorio, dicirvos que as prediccións meteorolóxicas continúan a ser máis que favorables. Se os que adoitades vir a Ortigueira non o podedes crer, os que somos de Ortigueira aínda menos. Pero parece que este ano si que se vai converter nunha realidade e que contaremos cun festival que, ademais de contar con boa música, contará tamén con bo tempo.

Polo tanto, boa música, bo tempo, boa compaña, bo ambiente, unha máis que boa (por non dicir a mellor) zona de acampada enclavada nunha paraxe natural impresionante… E todo o que cada un de vós lle queirades engadir, sempre que poida ir da man do adxectivo bo/boa, é o que poderedes atopar en Ortigueira. Así que xa non hai excusas para deixar de asistir ao único festival de balde de toda a península, un festival declarado de interese turístico internacional no ano 2005 e polo que teñen pasado as mellores bandas do celta e do folk a nivel internacional. Por algo será…