Ortigueira xa é a capital da música celta

E parece que non eran argalladas miñas nin imaxinacións que puideran xurdir do meu “frikismo” confesable por este festival as que fixeran que este mediodía vise festivaleiros onde non os había. Está comprobado que é inconfundible saber cando unha persoa vai para o Festival Ortigueira e cando non…

A Liña 5 do servizo de transporte urbano de Santiago que, para os que non o coñezades, é a que enlaza o centro da cidade coa Estación de Autobuses, ás 13.45 horas deste mediodía ía recollendo en difrentes paradas a rapaces e rapazas con tenda de campaña en man e mochilas de bos viaxeiros ao lombo. Ademais, roupa cómoda e, como non, cartón de viño á vista. Si, poderían ir para calquera outro festival ou mesmo para unha simple acampada de amigos. Pero estaba claro que non, e non me equivoquei. Mirei os horarios das liñas especiais para o Mundo Celta e, efectivamente, non me equivocaba. Ás 14:30 horas tiña saída o segundo autobús do día para o festival e, obviamente, hai que ir con tempo para non quedar en terra e ter que esperar ás 19.00 horas a que saia outro… O tempo en Ortigueira é ouro, e canto antes se estea alí, mellor. Que envexa me deron…

 

20130711-223732.jpg
O primeiro concerto do Festival 2013
(D. Pérez)

Agora, de seguro, algún deles estará xa na acampada de Mourozos ou na Alameda escoitando aos Runas como están todos eses festivaleiros nesa foto que me acaban de enviar dende Ortigueira…

E é que xa está aquí, agora si que si o poido dicir aínda que sexa dende Compostela…

Arranca a XXIX edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.

Lume Ortigueira!!!!!! Vémonos mañá!!