Milladoiro presenta hoxe en Ortigueira “unha retrospectiva do seu traballo”

O Mundo Celta chega á súa segunda noite de festa da man dun dos concertos máis esperados desta 30 edición: o de Milladoiro. A banda galega promete unha actución na que “o público atopará unha restrospectiva do noso repertorio, xa que queremos dar a coñecer temas do noso traballo que non adoitan estar presentes nos nosos concertos”, destacou Xosé Ferreirós, un dos compeñentes históricos da banda, asegurando tamén que hoxe en Ortigueira “estará o Milladoiro do 2014, que non ten nada que ver có do 1980, nos primeiros festivais, ou do 2007, que foi a derradeira vez que tocamos en Ortigueira”.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Milladoiro

Falar de Milladoiro é falar dun símbolo, xa non só da música tradicional galega, senón do folk e do celta en xeral. Nese sentido, pódese dicir que Milladoiro tense convertido ademais nun símbolo no nacemento do Mundo Celta, xa que vivíu de primeira man os primeiros anos do Festival de Ortigueira. “Xavier Garrote, naquel entón director da Escola de Gaitas de Ortigueira, chamoume. El o que quería era saber se podería contar co apoio do mundo da música tradicional galega; e comigo puido contar sempre”. Ferreirós non dubida en destacar que daquela “parecíame unha idea descabellada, tendo en conta que era moi dificil levar a cabo un evento deste tipo. Pero, aínda así, se conseguían poñelo en marcha, alí estaríamos. E así foi”.

Xosé Ferreirós comenta que recorda perfectamente os sentimentos que despertou o nacemento do Festival de Ortigueira a finais dos anos 70. “Foi un feito novidoso, aínda que esperado nese momento. As cousas, en xeral, estaban moi precarias e que, de repente, alguén tivese unha idea de facer un Festival deste tipo, como foi Xavier Garrote, realmente era algo moi importante. Dun día para outro en Ortigueira terías a posibilidade de escoitar músicas doutras cidades e incluso países, algo que, por aquel entón, xa non só en Galicia senón en España en xeral, non era doado poder facelo. O feito en si foi moi importante”.

“O Festival de hai 30 anos baseábase no voluntarismo”

Conversar con Ferreirós é conversar cunha persoa que coñece moi ben os inicios de Festival de Ortigueira. Pero é que Milladoiro, ademais de brindar todo o seu apoio ao Mundo Celta, estivo tamén presente de maneira continuada dende o ano 1979 ata o 1985  actuando en Ortigueira. “Nos anos 80 non era sinxelo facer iso, xa que a situación do país non era boa. Non había condicións técnicas, non había cartos… O Festival baseábase no voluntarismo, nas mans dalgunhas persoas que sabían que tiñan que botar a andar isto. Era moi difícil, e todos os que estabamos implicados dalgunha maneira, e Milladoiro o estaba, sabiamos que tiñamos que axudar e así apostar pola música popular. Dende Milladoiro apoiamos isto e xa quedabamos dun ano para outro contratados”.

Xosé Ferreirós, de Milladoiro
Xosé Ferreirós, de Milladoiro

 

De feito, el é consciente que naquel momento pór en marcha un festival sen apoio institucional e sen patrocinador era moi complicado. Xosé Ferreirós non esquece tampouco que nesa época o Festival tipo que enfrontarse a moitas trabas e que, incluso “dende algún medio de comunicación que hoxe en día o apoian moitísimo, daquela máis ben non o facía. Que Ortigueira se enchera de tipos estraños non gustaba, pero o feito é que puido máis a xente que estaba detrás de todo isto e o seu voluntarismo para sacar o Mundo Celta adiante”.

Milladoiro, que leva aproximadamente 40 anos enriba dos escenarios apostando pola música tradicional galega, chega hoxe ao Festival de Ortigueira para celebrar a súa triséxima edición. Logo da actuación da anfitriona, a Escola de Gaitas de Ortigueira, os xefes da música da terra subirán ao Escenario Alameda para brindar aos folkies do Mundo Celta unha concerto que será “unha retrospectiva do seu traballo”, un traballo definido sempre por “un estilo e unha maneira de facer música, que non é outro máis que o estilo Milladoiro”.

@MariaQuintiana

 

Trens e buses para chegar a Ortigueira

Poido imaxinar que a estas alturas do mércores moitos de vós estades cos últimos preparativos para pór maña camiño a Ortigueira. Ou, se non sodes tan afortunados (como é o meu caso), o faredes o venres ou sábado. Por iso, quérovos facer un pequeno resumo de todas as posibilidades que tendes para chegar ao Mundo Celta.

Primeiro de todo, o mellor é esquecerse do coche, xa que non poderedes acceder á acampada con el e, ademais, dende a estación de tren e autobuses teredes servizo de buses urbanos cos que poderedes acceder á praia con todos os vosos bártulos (que non serán pocos). O prezo do autobús urbano será de 1 euro por viaxe, pero os que viaxen dende o aparcadoiro oficial e non sexan usuarios deste, deberán de aboar 3 euros

En tren 

A compañía ferroviaria RENFE multiplica as prazas ofertadas dende a estación de Ferrol. Pero, ademais, os traxectos ao Festival de Ortigueira contarán cun desconto do 30% nos trens de longa distancia, rexionais ou os que saian dende Ferrol. Estes descontos comezaron no día de onte e estenderase ata o martes día 22 de xullo.

Se queres acceder ao tutorial para a compra online do billete con desconto fai click AQUÍ.

Para imprimir a autorización de desconto fai click AQUÍ. 

En autobús

Dende o día de hoxe ata o domingo día 20, a compañía Arriva reforza as liñas que unen as principais cidades galegas con Ortigueira. Desta maneira, puxéronse en marcha buses de lanzadeira dende Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Viveiro.

Captura de pantalla 2014-07-16 21.20.10

Así que xa sabedes, son moitas as posibilidades que tendes para achegarvos a Ortigueira e vivir unha trigésima edición que será “para o recordó”.

Lévalo dentro?? Pois a Ortigueira a sentilo! 🙂

@MariaQuintiana

Únete ás Free Sessions e toca no Festival de Ortigueira

Tocas algún instrumento? Formas parte dalgún grupo? Se é así, estás de sorte porque unha das grandes novidades da trixésima edición do Mundo Celta é a posta en marcha das denominadas Free Sessions, unha iniciativa coa que se vos quere dar a oportunidad de debutar no Festival de Ortigueira. O lugar elixido para a ocasión é a Praza de Isabel II, o venres ás 12.00 e 20.00 horas e o sábado ás 20.00 horas. A organización porá á vosa disposición un palco e un equipo de son.

Como anotarse ás Free Sessions?

É ben doado. Soamente tes que achegarte á mesa de son antes das horas fixadas para cada sesión. Unha vez se poña en marcha, cada grupo contará con un total de 30 minutos para deleitar ao público de Ortigueira. Ídesvos perder esta oportunidade?

Se tendes conta de Facebook, non dubidedes en unirvos a este evento. Aí poderes facer as vosas suxerencias ou preguntar calquera dúbida que vos poida xurdir con respecto ás Free Sessions.

Free Sessions

 

Para acceder ao evento do Festival de Ortigueira fai click AQUÍ.

Animádevos! Eu, de seguro, o farei. 😉

 

@MariaQuintiana

Todo en marcha en Ortigueira para a noite dos “Runas”

Escenario Alameda 2014. Foto: Laura Pedre
Escenario Alameda 2014. Foto: Laura Pedre

O Escenario Alameda xa está a punto para a súa inauguración na primeira xornada de festa na vila. Será o xoves ás 22.00 horas da man dos tres finalistas do “Proxecto Runas” e de Pepe Vaamonde Grupo, encargados de pór o fin á primeira noite do Festival de Ortigueira. A mesma tarde do xoves, a Praza de Isabel II acollerá ás 20.00 horas a inauguración musical da trixésima edición do Mundo Celta, e ás 17.00 horas terá lugar a apertura oficial da Feira de Artesanía do paseo marítimo, a exposición fotográfica do Claustro do Concello e a mostra “30 anos de Festival” de carteis históricos no Centro de recepción de visitantes.

Panorámica do recinto da Alameda. Foto: Bruno Lozano
Panorámica do recinto da Alameda. Foto: Bruno Lozano

 

Que grupos protagonizan o “Proxecto Runas” 2014? 

Este ano os finalistas son dúas bandas galegas, Tiruleque e Cuarteto Caramuxo, e Xabi Aburruzaga Band, do País Vasco. As tres bandas competirán na noite do xoves para acadar algún dos premios de 5.000, 3.000 o 2.000 euros que se entregarán. Ademais, os  gañadores convertiranse no pimeiro grupo confirmado para actuar na edición 2015 do Festival de Ortigueira.

Tiruleque
Tiruleque

Os Tiruleque chegan como finalistas ao “Proxecto Runas” por segunda vez, logo de que xa o foran no ano 2009. Este grupo galego conta cunha carreira musical que ven de cumprir 12 anos, un tempo no que lles deu tempo para autoproducir dous discos, Tiruleque (2009) e Mu!! (2013). Son sete membros saídos da música tradicional galega que apostan polo arranxo de melodías populares galegas, botando man da riqueza coa que contan os instrumentos tradicionais e, ademais, experimentando no uso das tonalidades e modos.

Cuarteto Caramuxo
Cuarteto Caramuxo

Cuarteto Caramuxo, composto por catro clarinetistas, un acordeonista e unha percusionistas (si, é un cuarteto de seis músicos 😉 ), bebe das melodías dos cancioneiros populares galegos, polo que o público de Ortigueira bailará ao son de música popular galega e, como non, dalgunhas composicións máis contemporáneas. O Escenario Alameda será o lugar elixido para adiantar temas do seu segundo álbume, sempre cunha interpretación “con gusto” no que o máis importante é gozar da música.

Xabi Aburruzaga Band
Xabi Aburruzaga Band

Xabi Aburruzaga Band, encabezada polo trikitilari biscaíño, volve ser finalista do “Proxecto Runas” por segunda vez logo de que tamén o conseguise na edición de 2010. Desta maneira, pisará o Escenario Alameda para presentar o seu novo álbume “Geure”, no que aposta pola mestura entre tradición e modernidade e no que se pode atopar sons que van dende o folk ata o jazz. Este meso ano Xabi Aburruzaga colaborou con Carlos Núñez no concerto de presentación do último disco do galego, no que tamén estiveron membros de The Chieftains. Ademais, cabe destacar que o biscaíño é o finalista do “Proxecto Runas” que máis puntuación acadou.

 

Que vos parece? A min tenme moi boa pinta. Mágoa que ata o venres non poida estar en Ortigueira. Pero de seguro terei quen me conte como foron as actuacións! 🙂

Sabedes xa como ides ir ata Ortigueira? Mañá contareivos os servicios especiais de Renfe e Arriva para o Mundo Celta. Ademais, tamén vos contarei como poderedes convertirvos en protagonistas do Festival Ortigueira por uns minutiños.

@MariaQuintiana

 

“Temos un dos mellores carteis dos últimos anos”

A Escola de Gaitas de Ortigueira, anfitriona do Festival do Mundo Celta, tamén está en plena conta atrás para o comezo do trixésimo Festival de Ortigueira, unha edición que, en palabras do seu presidente, Bruno Lozano, conta “cun dos mellores carteis dos últimos anos”.  E é que xa pasou moito tempo dende que membros da Escola de Gaitas visitaran o afamado Festival de Lorient do que volverían cunha única idea na cabeza: Ortigueira merecía ter un evento como aquel ou, alo menos, semellante. E vaia se o conseguiron. Gracias a eles e, como non, á Escola de Gaitas en xeral e moitas outras persoas, hoxe en día podemos falar dun Festival que leva o nome de Ortigueira ata os lugares máis recónditos e que, ademais, é quen de converter a nosa vila na capital da música celta e no escenario no que moitos artistas de renome soñan con actuar.

Bruno Lozano, presidente da Escola de Gaitas
Bruno Lozano, presidente da Escola de Gaitas

“O espírito mantense porque o Festival é a esencia da Escola de Gaitas. Cando se produce o relevo xeracional, inevitable neste tipo de asociacións, os que entran novos chegan coa lección ben aprendida. Os rapaces teñen moitas ganas; é o noso Festival, xogamos na casa”, afirma o presidente da Escola de Gaitas, ademais de comentar que están inmersos nos preparativos para a chegada de todas as bandas a Ortigueira. “Encargámonos da organización de todo o que ten relación coa sección de bandas do Festival, e non soamente actuacións, senón que nos ocupamos tamén do seu aloxamento. Tratamos de que estean o máis cómodos posible na súa estancia en Ortigueira”. De feito, a Escola de Gaitas quere que as bandas desfruten do Festival alén das súas actuacións e que coñezan como é verdadeiramente o Festival de Ortigueira: “adoitamos facilitar a estancia a todas as bandas que tocan o domingo, independientemente que soamente  o fagan o domingo, convidándoas a vir o sábado e desfrutar, polo menos, do día grande da festa”.

E é que o IES de Ortigueira tense convertido no cuartel de todas as bandas de gaitas que chegan á vila. Alí descansan, ensaian, calman os nervios… Pero converter as aulas en improvisadas habitacións para todos eses días leva o seu esforzo. De feito, o presidente asegura que “sen a colaboración do director do IES de Ortigueira, Carlos Legarreta, o noso traballo sería moito máis complicado. Por iso querémoslle agradecer a súa labor e, como non, ás nais e pais que nestes días traballan tanto coma nós”.

Escola de Gaitas de Ortigueira
Escola de Gaitas de Ortigueira

En canto a se teñen preparada alguna sorpresa como banda invitada á actuación dalgún dos grupos que actuarán no Escenario Alameda, como podería ser The Chieftains, o presidente nin confirma nin desmente. O que si asegura é que, na súa actuación no escenario principal, a Escola de Gaitas interpretará “tanto clásicos da banda como temas novos para conseguir darlle un pouco máis de espectáculo á nosa actuación no Escenario Alameda”.

“O Festival de Ortigueira merece da creación dun premio honorífico anual”

Pero aproveitando a miña conversa con Bruno Lozano, pedínlle que imaxinase, por só un intre, que o vindeiro ano sería proposto como director do Mundo Celta. Desta maneira, pedinlle que me dixese dúas das cousas que incorporaría ao Festival.  “O meu compañeiro Alberto Gómez e máis eu levamos anos dándolle voltas a unha idea: entregar un premio honorífico anual que leve o selo do Festival. Pero entregalo noutra data, por exemplo, en Marzo, para non centrar todo o peso do Festival en 4 días ó ano. Por outro lado, sen dúbida, apostaríamos por contar cunha maior representación de Galicia no cartel; incluso dedicar un dos días unicamente ao noso país”. Aí queda, por se alguén quere tomar nota.

A Escola de Gaitas de Ortigueira, que conta con casi 35 membros en activo e aproximadamente 60 se se ten en conta a canteira, abrirá a sesión de concertos do Escenario Alameda a noite do venres día 18 de xullo ás 22.00 horas. Non volo perdades; eu, de seguro que non. 😉

Aquí vos deixo a actuación do ano pasado 🙂

@MariaQuintiana

 

 

 

Festival Ortigueira: “Lévalo dentro. Sínteo”

Lévalo dentro. SínteoE ben que sinto, a pesar dos case 2000 quilómetros que me separan de Ortigueira, como a trixésima edición do Mundo Celta está a piques de dar comezo. Tan só faltan 11 días para que as rúas de Santa  Marta e a praia de Morouzos se enchan de verdadeiros aventureiros e, sobre todo, de amantes do folk que chegan á nosa vila para desfrutar dunha edición que, en palabras da organización, será “para o recordo”. Soamente hai que botar unha ollada ao cartel de excepción para darse de conta da calidade musical que haberá no Escenario Alameda. Sen dúbida, esta 30 edición marcará un antes e un despois na historia de este evento declarado, no ano 2005, de interese turístico internacional.

Este ano a organización aposta pola introdución dunha serie de novidades, novidades que, dende o meu punto de vista, pasan a ser sinónimo de acertos. E é que se converten nunha piscadela aos primeiros Festivais, un feito ao que, de seguro, os festivaleiros de toda a vida lle darán unha gran benvida. Desta maneira, a 30 edición quizáis sexa o punto de inflexión para o comezo dunha nova etapa marcada pola proximidade aos primeiros anos do Mundo Celta.

As claves da nova edición 

Alén das grandes cabezas do cartel como son The Chieftains, embaixadores por excelencia da música irlandesa a nivel internacional, e Milladoiro, grupo clave no nacemento do Festival, participando consecutivamente desde o ano 1979 ata o 1985, esta edición conta cunha serie de claves que merece a pena ter en conta:

Presentador do Festival Ortigueira 2014
Presentador do Festival Ortigueira 2014

Volve a figura do presentador. Carlos Blanco, actor e comediante galego, será o encargado de manter ao público no punto máis alxido durante as xornadas de concertos no Escenario Alameda. Hai uns anos, con motivo do XXV aniversario do Festival, o actor contaba que “eu só fun unha vez ao Festival de Ortigueira. Pero o festival de Ortigueira veu onda min moitas veces. É verdade. Onda min, e onda todos nós. Viñan cada verán, chegaban ao pobo, tocaban polas rúas, pedían cos seus cans. Normalmente pedían elas, encantadoras, e tocaban eles, fumadísimos”. Quen lle ía dicir por aquel entón que o Festival de Ortigueira acudiría de novo a el, dunha maneira tan directa, para convertilo no mestre de ceremonias da 30 edición…

Nacen as “free sessions”. A Praza de Isabel II convertirase no punto de encontro no que calquera grupo (previa inscripción o mesmo día) poderá animar á vila e aos seus visitantes (venres ás 20.00 horas e sábado ás 12.00 e  20.00 horas).

Concurso de Gaita Solista e Cuarteto Tradicional. Terán lugar, respectivamente, o venres 18 ás 16.00 horas e o sábado 19 ás 17.00 horas, na Praza de Isabel II.

Obradoiros a cargo da Dominic Graham School of Irish dance. O director da agrupación introducirá no baile tradicional irlandés o venres a partir das 16.00 horas aos máis pequenos, ás 17.00 horas aos mozose adultos e, finalmente, un ensaio conxunto.

 

Así que xa sabedes, ide preparando a viaxe a Ortigueira. Nos próximos días comentareivos os diferentes servizos especiais de autobuses e trens dos que dispoñeredes para chegar ao Festival…  Moito mellor que coller o coche! 😉

Aquí vos deixo esta viñeta de Faro de Vigo do pasado sábado, cunha posible “Real Banda de Gaitas de Ourense” moi galáxica camiño de Ortigueira 🙂

 

 

@MariaQuintiana