Festival Ortigueira: “Lévalo dentro. Sínteo”

Lévalo dentro. SínteoE ben que sinto, a pesar dos case 2000 quilómetros que me separan de Ortigueira, como a trixésima edición do Mundo Celta está a piques de dar comezo. Tan só faltan 11 días para que as rúas de Santa  Marta e a praia de Morouzos se enchan de verdadeiros aventureiros e, sobre todo, de amantes do folk que chegan á nosa vila para desfrutar dunha edición que, en palabras da organización, será “para o recordo”. Soamente hai que botar unha ollada ao cartel de excepción para darse de conta da calidade musical que haberá no Escenario Alameda. Sen dúbida, esta 30 edición marcará un antes e un despois na historia de este evento declarado, no ano 2005, de interese turístico internacional.

Este ano a organización aposta pola introdución dunha serie de novidades, novidades que, dende o meu punto de vista, pasan a ser sinónimo de acertos. E é que se converten nunha piscadela aos primeiros Festivais, un feito ao que, de seguro, os festivaleiros de toda a vida lle darán unha gran benvida. Desta maneira, a 30 edición quizáis sexa o punto de inflexión para o comezo dunha nova etapa marcada pola proximidade aos primeiros anos do Mundo Celta.

As claves da nova edición 

Alén das grandes cabezas do cartel como son The Chieftains, embaixadores por excelencia da música irlandesa a nivel internacional, e Milladoiro, grupo clave no nacemento do Festival, participando consecutivamente desde o ano 1979 ata o 1985, esta edición conta cunha serie de claves que merece a pena ter en conta:

Presentador do Festival Ortigueira 2014
Presentador do Festival Ortigueira 2014

Volve a figura do presentador. Carlos Blanco, actor e comediante galego, será o encargado de manter ao público no punto máis alxido durante as xornadas de concertos no Escenario Alameda. Hai uns anos, con motivo do XXV aniversario do Festival, o actor contaba que “eu só fun unha vez ao Festival de Ortigueira. Pero o festival de Ortigueira veu onda min moitas veces. É verdade. Onda min, e onda todos nós. Viñan cada verán, chegaban ao pobo, tocaban polas rúas, pedían cos seus cans. Normalmente pedían elas, encantadoras, e tocaban eles, fumadísimos”. Quen lle ía dicir por aquel entón que o Festival de Ortigueira acudiría de novo a el, dunha maneira tan directa, para convertilo no mestre de ceremonias da 30 edición…

Nacen as “free sessions”. A Praza de Isabel II convertirase no punto de encontro no que calquera grupo (previa inscripción o mesmo día) poderá animar á vila e aos seus visitantes (venres ás 20.00 horas e sábado ás 12.00 e  20.00 horas).

Concurso de Gaita Solista e Cuarteto Tradicional. Terán lugar, respectivamente, o venres 18 ás 16.00 horas e o sábado 19 ás 17.00 horas, na Praza de Isabel II.

Obradoiros a cargo da Dominic Graham School of Irish dance. O director da agrupación introducirá no baile tradicional irlandés o venres a partir das 16.00 horas aos máis pequenos, ás 17.00 horas aos mozose adultos e, finalmente, un ensaio conxunto.

 

Así que xa sabedes, ide preparando a viaxe a Ortigueira. Nos próximos días comentareivos os diferentes servizos especiais de autobuses e trens dos que dispoñeredes para chegar ao Festival…  Moito mellor que coller o coche! 😉

Aquí vos deixo esta viñeta de Faro de Vigo do pasado sábado, cunha posible “Real Banda de Gaitas de Ourense” moi galáxica camiño de Ortigueira 🙂

 

 

@MariaQuintiana