“Temos un dos mellores carteis dos últimos anos”

A Escola de Gaitas de Ortigueira, anfitriona do Festival do Mundo Celta, tamén está en plena conta atrás para o comezo do trixésimo Festival de Ortigueira, unha edición que, en palabras do seu presidente, Bruno Lozano, conta “cun dos mellores carteis dos últimos anos”.  E é que xa pasou moito tempo dende que membros da Escola de Gaitas visitaran o afamado Festival de Lorient do que volverían cunha única idea na cabeza: Ortigueira merecía ter un evento como aquel ou, alo menos, semellante. E vaia se o conseguiron. Gracias a eles e, como non, á Escola de Gaitas en xeral e moitas outras persoas, hoxe en día podemos falar dun Festival que leva o nome de Ortigueira ata os lugares máis recónditos e que, ademais, é quen de converter a nosa vila na capital da música celta e no escenario no que moitos artistas de renome soñan con actuar.

Bruno Lozano, presidente da Escola de Gaitas
Bruno Lozano, presidente da Escola de Gaitas

“O espírito mantense porque o Festival é a esencia da Escola de Gaitas. Cando se produce o relevo xeracional, inevitable neste tipo de asociacións, os que entran novos chegan coa lección ben aprendida. Os rapaces teñen moitas ganas; é o noso Festival, xogamos na casa”, afirma o presidente da Escola de Gaitas, ademais de comentar que están inmersos nos preparativos para a chegada de todas as bandas a Ortigueira. “Encargámonos da organización de todo o que ten relación coa sección de bandas do Festival, e non soamente actuacións, senón que nos ocupamos tamén do seu aloxamento. Tratamos de que estean o máis cómodos posible na súa estancia en Ortigueira”. De feito, a Escola de Gaitas quere que as bandas desfruten do Festival alén das súas actuacións e que coñezan como é verdadeiramente o Festival de Ortigueira: “adoitamos facilitar a estancia a todas as bandas que tocan o domingo, independientemente que soamente  o fagan o domingo, convidándoas a vir o sábado e desfrutar, polo menos, do día grande da festa”.

E é que o IES de Ortigueira tense convertido no cuartel de todas as bandas de gaitas que chegan á vila. Alí descansan, ensaian, calman os nervios… Pero converter as aulas en improvisadas habitacións para todos eses días leva o seu esforzo. De feito, o presidente asegura que “sen a colaboración do director do IES de Ortigueira, Carlos Legarreta, o noso traballo sería moito máis complicado. Por iso querémoslle agradecer a súa labor e, como non, ás nais e pais que nestes días traballan tanto coma nós”.

Escola de Gaitas de Ortigueira
Escola de Gaitas de Ortigueira

En canto a se teñen preparada alguna sorpresa como banda invitada á actuación dalgún dos grupos que actuarán no Escenario Alameda, como podería ser The Chieftains, o presidente nin confirma nin desmente. O que si asegura é que, na súa actuación no escenario principal, a Escola de Gaitas interpretará “tanto clásicos da banda como temas novos para conseguir darlle un pouco máis de espectáculo á nosa actuación no Escenario Alameda”.

“O Festival de Ortigueira merece da creación dun premio honorífico anual”

Pero aproveitando a miña conversa con Bruno Lozano, pedínlle que imaxinase, por só un intre, que o vindeiro ano sería proposto como director do Mundo Celta. Desta maneira, pedinlle que me dixese dúas das cousas que incorporaría ao Festival.  “O meu compañeiro Alberto Gómez e máis eu levamos anos dándolle voltas a unha idea: entregar un premio honorífico anual que leve o selo do Festival. Pero entregalo noutra data, por exemplo, en Marzo, para non centrar todo o peso do Festival en 4 días ó ano. Por outro lado, sen dúbida, apostaríamos por contar cunha maior representación de Galicia no cartel; incluso dedicar un dos días unicamente ao noso país”. Aí queda, por se alguén quere tomar nota.

A Escola de Gaitas de Ortigueira, que conta con casi 35 membros en activo e aproximadamente 60 se se ten en conta a canteira, abrirá a sesión de concertos do Escenario Alameda a noite do venres día 18 de xullo ás 22.00 horas. Non volo perdades; eu, de seguro que non. 😉

Aquí vos deixo a actuación do ano pasado 🙂

@MariaQuintiana

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s