Todo en marcha en Ortigueira para a noite dos “Runas”

Escenario Alameda 2014. Foto: Laura Pedre
Escenario Alameda 2014. Foto: Laura Pedre

O Escenario Alameda xa está a punto para a súa inauguración na primeira xornada de festa na vila. Será o xoves ás 22.00 horas da man dos tres finalistas do “Proxecto Runas” e de Pepe Vaamonde Grupo, encargados de pór o fin á primeira noite do Festival de Ortigueira. A mesma tarde do xoves, a Praza de Isabel II acollerá ás 20.00 horas a inauguración musical da trixésima edición do Mundo Celta, e ás 17.00 horas terá lugar a apertura oficial da Feira de Artesanía do paseo marítimo, a exposición fotográfica do Claustro do Concello e a mostra “30 anos de Festival” de carteis históricos no Centro de recepción de visitantes.

Panorámica do recinto da Alameda. Foto: Bruno Lozano
Panorámica do recinto da Alameda. Foto: Bruno Lozano

 

Que grupos protagonizan o “Proxecto Runas” 2014? 

Este ano os finalistas son dúas bandas galegas, Tiruleque e Cuarteto Caramuxo, e Xabi Aburruzaga Band, do País Vasco. As tres bandas competirán na noite do xoves para acadar algún dos premios de 5.000, 3.000 o 2.000 euros que se entregarán. Ademais, os  gañadores convertiranse no pimeiro grupo confirmado para actuar na edición 2015 do Festival de Ortigueira.

Tiruleque
Tiruleque

Os Tiruleque chegan como finalistas ao “Proxecto Runas” por segunda vez, logo de que xa o foran no ano 2009. Este grupo galego conta cunha carreira musical que ven de cumprir 12 anos, un tempo no que lles deu tempo para autoproducir dous discos, Tiruleque (2009) e Mu!! (2013). Son sete membros saídos da música tradicional galega que apostan polo arranxo de melodías populares galegas, botando man da riqueza coa que contan os instrumentos tradicionais e, ademais, experimentando no uso das tonalidades e modos.

Cuarteto Caramuxo
Cuarteto Caramuxo

Cuarteto Caramuxo, composto por catro clarinetistas, un acordeonista e unha percusionistas (si, é un cuarteto de seis músicos 😉 ), bebe das melodías dos cancioneiros populares galegos, polo que o público de Ortigueira bailará ao son de música popular galega e, como non, dalgunhas composicións máis contemporáneas. O Escenario Alameda será o lugar elixido para adiantar temas do seu segundo álbume, sempre cunha interpretación “con gusto” no que o máis importante é gozar da música.

Xabi Aburruzaga Band
Xabi Aburruzaga Band

Xabi Aburruzaga Band, encabezada polo trikitilari biscaíño, volve ser finalista do “Proxecto Runas” por segunda vez logo de que tamén o conseguise na edición de 2010. Desta maneira, pisará o Escenario Alameda para presentar o seu novo álbume “Geure”, no que aposta pola mestura entre tradición e modernidade e no que se pode atopar sons que van dende o folk ata o jazz. Este meso ano Xabi Aburruzaga colaborou con Carlos Núñez no concerto de presentación do último disco do galego, no que tamén estiveron membros de The Chieftains. Ademais, cabe destacar que o biscaíño é o finalista do “Proxecto Runas” que máis puntuación acadou.

 

Que vos parece? A min tenme moi boa pinta. Mágoa que ata o venres non poida estar en Ortigueira. Pero de seguro terei quen me conte como foron as actuacións! 🙂

Sabedes xa como ides ir ata Ortigueira? Mañá contareivos os servicios especiais de Renfe e Arriva para o Mundo Celta. Ademais, tamén vos contarei como poderedes convertirvos en protagonistas do Festival Ortigueira por uns minutiños.

@MariaQuintiana