Entrevista a Loli Pérez, ex-directora do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira (1995-1998), que se publica hoxe en La Voz de Ortigueira
Esta é a miña entrevista más especial, e permitídeme o atrevemento. Non é moi habitual facer este tipo de entrevistas, de nai a filla, pero tampouco será a primeira (nin a última) vez que aconteza algo semellante. A historia é o que ten, non se pode cambiar, e a actualidade manda, porque nesta XXXI edición do Festival Internacional do Mundo Celta cúmprense 20 anos do comezo da nova andaina do Festival de Ortigueira, unha andaina que se viviu logo do parón que houbo dende 1987 ata 1995. No ano 1995 notábase que un bo sector de Ortigueira tiña fame de Mundo Celta. Por iso, “os tres mosqueteiros”, que foron Loli, Animadora Socio-Cultural do Concello de Ortigueira e directora do Festival; Raúl Piñeiro, activista cultural e manager dos mellores artistas do mundo folk internacional; e Juan Cao, membro de organización do Mundo Celta e integrante da Escola de Gaitas, puxéronse en marcha para pór a Ortigueira de novo na elite dos festivais de música celta e folk de todo o mundo.
P: Se me tes que destacar tres momentos da edición do ano 1995…
R: Ver subir ao escenario do Festival á nova xeración da Escola de Gaitas de Ortigueira con todos os nenos que formaban a agrupación; cando Ronsel tocou a “Muiñeira de Chantada”, xa que facía moitísimo que non se escoitaba esa muiñeira no escenario do Mundo Celta; e Bágoa de Raíña, polo esforzo que fixeron Jaime, Elixo, Marías, César… para poder estar á altura. E ben que o estiveron, converténdose nun dos mellores grupos revelación do ano 1995 e, de feito, foron teloneiros do irlandés Davy Spillane.
P: Por que se deixou de organizar o Festival de Ortigueira en 1987?
R: Eu creo que foi o momento político e tamén porque se comezaba a desmadrar e a moita xente non lle interesaba. Decidiuse entón facer unha pausa e levar a cabo outro tipo de actos culturais, que decidiron que fora a Universidade Popular. Aínda que esta proposta trouxo moitísima xente importante á vila e Ortigueira deuse a coñecer a nivel internacional, nunca tivo a resposta que tiña acadado o Festival do Mundo Celta a nivel social e de promoción para Ortigueira e toda a comarca. Eu creo que a xente solicitaba a berros que se volvese outra vez polo Festival.

P: E iso conséguese no 1995. Como foi?
R: Si, conseguímolo no ano 1995. Tivemos moitos problemas pero dende a Alcaldía e a Concellería de Cultura apoiáronos en todo momento. Aínda así, teño que dicir que unha das persoas máis importantes e que máis me axudou foi Raúl Piñeiro (D.E.P.); e Juan Cao, que altruistamente estivo sempre para todo. Tamén Manel e Picos, que eran uns “cracks” e dominaban o desfile de bandas eles sós: non lles facía falta ninguén máis. E como non, o grupo de nenas e nenos, que agora xa son maiores e con fillos, porque sen todos eles non seriamos capaces de ter sacado adiante estas primeiras edicións da nova etapa do Mundo Celta.
P: Nomeabas a Raúl Piñeiro coma un dos grandes apoios para o Festival de Ortigueira nesa etapa. Cal foi o seu papel?
R: Raúl Piñeiro foi a persoa que nos trouxo aos grupos máis punteiros, aos máis importantes. E é que a relación que tiña el co folk a nivel europeo era impresionante. Cando vin que estaba a falar cos irmáns Molard, con Patrick, Jacky e Dominic, ou con Mick O’Brien; cando vin a amizade que tiña con todos os grupos punteiros dese momento, sabía que Raúl Piñeiro era a persoa máis indicada para pór en marcha de novo o Mundo Celta. Pero sobre todo o era polo amor que sentía polo Festival e a súa dedicación continua, que sufriron as nosas familias porque estabamos no Concello día e noite. Realmente Raúl Piñeiro foi o mentor do Festival.
P: Que hai do sector da hostalería no ano 1995?
R: Reunímonos coas forzas de seguridade da Garda Civil de Ortigueira (a Don Santiago estareille eternamente agradecida) comerciantes e hostaleiros porque había que pór unhas normas. O primeiro festival no 1995 era un ensaio xeral para poder proseguir, e a verdade é que o comportamento foi exquisito por parte de todos e creo que foi un empuxe para a hostalería impresionante. Tamén teño que dicir que Vicente da Perla (D.E.P.) foi unha das persoas que máis nos axudou á hora de poder albergar aos grupos en 1995. Non nos chegou o presuposto e non tivo ningún problema en dicirnos que “ía por Ortigueira”.
P: Que destacarías dos 4 anos que traballaches con Raúl Piñeiro e que cres que se diferencian da nova etapa na que nos atopamos agora?
R: Para min unha das cousas máis importantes, sen ánimo de crítica porque cada un o ve de diferente maneira, é que quizais nós non queriamos quitar o Festival de contexto, porque non hai outro coma el. É dicir, na actual etapa do Festival de Ortigueira nalgunhas edicións o cartel musical non representou o que é a música dos países celtas. Independentemente disto, paréceme moi mal que aínda non exista unha asociación creada por amantes do Festival Celta, porque os hai. E moitos. Que sexan eles e non unha empresa de fóra o que, co apoio do Concello, organicen o Festival. Para min esa é a base: despolitizalo totalmente. O Festival non é nin PSOE, nin PP, nin BNG. É do pobo de Ortigueira e da Comarca, e mentres non estea isto claro, cada ano se producirá un retroceso, algo que me doe moito, como sei que tamén lle doe a moitas persoas que loitaron por este Festival.

P: Cúmprense 20 anos da primeira actuación de Xosé Manuel Budiño no Festival de Origueira, que chegaba no 1995 da man do seu grupo Fol de Niu, e volve reconvertido no director musical da noite do sábado. Que representa para ti Budiño no Mundo Celta?
R: Para min que Budi teña ese rol este ano, lembrando que foi en 1995 cando chegou a Ortigueira da man de Raúl Piñeiro, supón a recompensa a toda unha vida de esforzo e traballo. Creo que se merece ser este ano o director musical do Festival de Ortigueira. Creo que Ortigueira lle deu moito a Budiño e que Budiño débelle moito a esta vila. A súa plataforma de lanzamento foi Ortigueira, aquí deuse a coñecer. Recordo cando Budiño no ano 1996 dormía na nosa casa porque non había diñeiro para poder pagar o aloxamento de todos os artistas, e creo que se algo teño que destacar del é a humildade como persoa e sobre todo a loita e o traballo constante para evolucionar e así chegar a ser o que é: un referente da música folk.
P: Cales son as actuacións más importantes ou que recordas con máis cariño desas edicións?
R: Primeiro os grupos de Ortigueira, que para min a Escola, Bágoa de Raíña e Ronsel eran a motivación, dar a coñecer os nosos artistas e ser unha plataforma para eles. Logo Mick O’Brien co grupo Callino, os irmáns Molard, DavySpillen, Sharon Shannon, Shooglenifty ou Four Men and a Dog, a parte de escoitar por primeira vez no escenario de Festival a trikitixa de Kepa Junkera, que me levei unha gran sorpresa tanto a nivel musical coma humano. Puidemos contar cos mellores mestres solistas no Congreso Internacional do Mundo da Gaita. Déronse clases de percusión, de gaita e sobre todo, non me podo esquecer nunca de Javier Pena Louzao “Bossa”, director da Escola de Gaitas de Ortigueira por aquel entón e que foi unha persoa importantísima a nivel musical e a nivel de axuda en todo o proxecto que se estaba a realizar nese momento. Aproveito para enviarlle unha sentida aperta.
P: Falando de Javier, cando che digo Escola de Gaitas, que sintes?
R: Ti sabes que para min ver sair á Escola de Gaitas de diante do Concello o día do desfile de bandas era sentir unha emoción tremenda. É dicir, eu a Escola de Gaitas vivina sempre, dende que a coñezo, que foi no 1978. Eu recordo a César, a Garrote, a todos os nenos que tocaron; e recordo a evolución que Javier lle deu. Destaco sobre todo que esa evolución soubérona levar en todas as etapas da Escola de Gaitas e agora con Rodrigo, un director excepcional, que é da escola de Javier; cun presidente fantástico como é Bruno; e con todos os integrantes que co seu esforzo represéntannos en todos os lugares aos que van, eu creo que a Escola de Gaitas de Ortigueira é o orgullo de toda a comarca do Ortegal.
Desfrutade desta XXXI edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira no vinte aniversario do comezo da súa segunda andaina. Vai por ti, Raúl.