Aviso para navegantes! Este vai ser un artigo moi persoal, e o será porque volveu pasar o de sempre cando a verdade é que me esperaba un cambio. O XXXII Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira presentouse un ano máis en FITUR. Para quen non o saiba, esta Feira Internacional de Turismo foi considerada a segunda máis importante do mundo e este ano contou cun 8% máis de participación empresarial que en 2015.
Primeiro de todo, felicitar a Rei Zentolo polo deseño do cartel da nova edición do Mundo Celta. Ten protagonismo a música e eses instrumentos que podemos ver e escoitar durante os días de festa na vila. Tamén me gusta que o Festival de Ortigueira vaia ter continuidade durante todo o ano e que se aposte por novos proxectos como a candidatura presentada ao programa Creative Europe Culture. E, como non, non pode non gustarme a volta de Milladoiro ao Festival e a outra banda que anunciaron, os ingleses Peatbog Faeries. Pero destes últimos xa falarei noutro artigo para que os coñezades un pouco mellor.
O que non me gusta é que non se aproveite unha ocasión como esta para presentar como se merece o Festival de Ortigueira. Estamos case no mes de febreiro e os grandes festivais de música, como poden ser o BBK Live de Bilbao ou o Resurrection Fest de Viveiro, xa teñen confirmados case todos os grupos. Que, por certo, o primeiro conta con máis de 115.000 seguidores en Facebook, e o segundo ronda os 93.000. O noso só supera os 11.000 (en Twitter e Instagram os datos son semellantes). O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, ademais de ser o impulso económico e socio-cultural da comarca do Ortegal, tense convertido nun dos festivais de música celta e folk de referencia a nivel mundial. Ao igual que tamén se converteron o BBK Live e o Resurrection Fest dentro dos estilos musicais nos que se moven. Por iso, creo que queda un camiño moi grande por percorrer dentro do Festival de Ortigueira. Este ten que entrar dunha vez por todas no século XXI, no mundo 3.0, unha nova época que nos brinda a posibilidade de chegar ao noso público obxectivo e potencial máis rápido e dunha maneira máis eficaz. Porque o que queremos, ou o que deberiamos querer, é que o noso Festival medre, que o noso Festival sexa o mellor. Que cada vez cheguen á vila máis persoas, que cada vez sexan máis os medios de comunicación que se fagan eco das nosas novas. Pero, sobre todo, que cada vez destaquemos máis pola nosa calidade á hora de organizar e manexar un evento tan importante coma é o Festival de Ortigueira.
Por iso, eu soamente espero que nalgún momento nos deamos de conta da necesidade de estar á par dos festivais de música de referencia do noso país. E iso soamente se conseguirá con traballo, con novas ideas e coa concienciación de que as canles de comunicación cambiaron. E por iso temos que estar presentes, da mellor das meneiras, en todas elas. Ademais, temos que chegar a eventos coma FITUR con todo, ou case todo, listo. E isto pódese facer: soamente hai querer. Porque, querer é poder, non? Pois eu, coma moitos, quero.