Participa no Proxecto Runas 2016 e na Feira de Artesanía

Nótase que xa estamos a tres meses de que dea comezo a XXXII edición do Festival de Ortigueira porque comezan a abrirse os prazos tanto para presentar as candidaturas ao Proxecto Runas coma para solicitar os postos na Feira de Artesanía. De feito, estamos xusto a tres meses, porque o tamén xoves 14 de xullo dará comezo un novo Mundo Celta do que, ata o de agora, non sabemos moito.

Festival La Voz de Galicia

Pero o que si sabemos é que os galegos Milladoiro serán os encargados de pechar a edición e o espectáculo Keltia, da compañía galega Queiman e Pousa, os que abrirán a primeira noite de festa no escenario principal. Confirmados tamén están, como non, o grupo gañador da edición pasada do Runas, as irlandesas Perfect Friction, e a banda inglesa Peatbog Faeries.

Proxecto Runas 2016

Queres partipar coa túa banda no concurso para artistas e grupos noveis do Festival de Ortigueira? O prazo está aberto dende o día 8 de abril ata o 27 de abril. A partir do venres 6 de maio poderanse escoitar os traballos na páxina web do Festival de Ortigueira e nese mesmo momento activarase tamén o proceso de votación online, que finalizará o venres 20 de maio ás 18 horas.

Unha vez finalizado o proceso, os grupos finalistas decidiranse por un sistema de 5 votos. Un virá da votación online e os outros catro dun xurado formado por músicos, xornalistas musicais e promotores seleccionados pola organización. O día 25 de maio a páxina web do Festival de Ortigueira anunciará as tres bandas finalistas do Proxecto Runas 2016, que actuarán no escenario principal na noite do xoves 14 de xullo.

Podes descargar aquí as bases do Proxecto Runas: Festival Ortigueira Proxecto Runas 2016

Feira de Artesanía

Pero se eres artesán ou vendedor ambulante tamén tes a oportunidade de partipar no Festival de Ortigueira. Por iso, dende onte e ata o próximo 9 de maio poderanse presentar as solicitudes para formar parte da Feira de Artesanía do Mundo Celta. Estas solicitudes poderanse facer en tres modalidades diferentes: artesáns, artesanías do mundo e venta ambulante.

Se estás interesado consulta as bases da Feira de Artesanía na seguinte ligazón: Festival Ortigueira Feira Artesanía 2016

Xa non queda nada! 😉

@María Quintiana

 

2 comentarios en “Participa no Proxecto Runas 2016 e na Feira de Artesanía

Deixa unha resposta a María Quintiana Cancelar a resposta