A gaiteira Cristina Pato volve a Ortigueira

É galega e faino notar alí por onde vai. E xa non soamente porque toque (e moi ben) o noso instrumento máis representativo. As persoas que a seguimos nas redes sociais dámonos de conta do orgullosa que se sinte da súa Galicia e que, cada vez que fai un oco na súa apretada axenda, volve para o seu Ourense. A pasada fin de semana compartiu no seu Facebook unha foto dende a cidade das termas coa súa querida (e “tocaia” miña) Maruxa.

Asemella que facía calor pola cidade das termas… Pero Cristina, non te preocupes, que o venres 17 de xullo asegurámosche que as temperaturas en Ortigueira serán máis baixiñas. Ou se cadra non, porque vaia noite de música nos espera! Abrirá a xornada a banda escocesa The Vale of Atholl Pipe Band e de aí subirá ao escenario principal a banda anfitriona, a Escola de Gaitas de Ortigueira. Estou segura que a Escola de Gaitas deixará o ambiente máis que caldeado para recibir no escenario a Cristina Pato Band ás 23.30 horas.

“Unha virtuosa explosión de enerxía”

Iso é o que dixo nin máis nin menos que o xornal The New York Times de Cristina Pato. E dende The Wall Street Journal defínena como “unha das mestras vivas da gaita”. O certo é que Cristina Pato leva moitos anos levando a nome de Galicia e da nosa gaita polo mundo adiante. Pero Cristina é moito máis ca iso. No ano 1999 convertíase na primeira muller gaiteira en publicar un álbum en solitario e dende ese intre, a súa carreira non parou. É gaiteira, pianista, compositora e ata cantante. Comezou adicándose á música galega pero dende hai varios anos a súa carreira está ao lado da música clásica, do jazz e da música latina. O mellor de todo é que Cristina Pato é quen de mesturar moitos deses xéneros e crear melodías coma as que podemos escoitar no seu último traballo, Latina. 

En palabras súas, “Latina é unha maneira de abrazar a miña herencia cultura a través da música, explorando as conexións entre o país de orixe da palabra, Italia, e os países que hoxe en día consideramos latinos”. Pato conta que “usando a metáfora dun dos ritmos esenciais da música tradicional, o 6/8, Latina é unha viaxe musical que comeza coa tarantella italiana e viaxa a través de ritmos 6/8 de España e América Latina, coma o joropo venezolano, o Landó peruano, a muiñeira galega, e ritmos que teñen viaxado en ámbolos dous sentidos no mundo latino, o tanguillo e o fandango”.

De seguro fará vibrar ao público de Ortigueira o venres 17 de xullo ás 23.30 horas da noite. Non volo perdades, será todo un espectáculo de calidade musical.

😉

 

 

Milladoiro presenta hoxe en Ortigueira “unha retrospectiva do seu traballo”

O Mundo Celta chega á súa segunda noite de festa da man dun dos concertos máis esperados desta 30 edición: o de Milladoiro. A banda galega promete unha actución na que “o público atopará unha restrospectiva do noso repertorio, xa que queremos dar a coñecer temas do noso traballo que non adoitan estar presentes nos nosos concertos”, destacou Xosé Ferreirós, un dos compeñentes históricos da banda, asegurando tamén que hoxe en Ortigueira “estará o Milladoiro do 2014, que non ten nada que ver có do 1980, nos primeiros festivais, ou do 2007, que foi a derradeira vez que tocamos en Ortigueira”.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Milladoiro

Falar de Milladoiro é falar dun símbolo, xa non só da música tradicional galega, senón do folk e do celta en xeral. Nese sentido, pódese dicir que Milladoiro tense convertido ademais nun símbolo no nacemento do Mundo Celta, xa que vivíu de primeira man os primeiros anos do Festival de Ortigueira. “Xavier Garrote, naquel entón director da Escola de Gaitas de Ortigueira, chamoume. El o que quería era saber se podería contar co apoio do mundo da música tradicional galega; e comigo puido contar sempre”. Ferreirós non dubida en destacar que daquela “parecíame unha idea descabellada, tendo en conta que era moi dificil levar a cabo un evento deste tipo. Pero, aínda así, se conseguían poñelo en marcha, alí estaríamos. E así foi”.

Xosé Ferreirós comenta que recorda perfectamente os sentimentos que despertou o nacemento do Festival de Ortigueira a finais dos anos 70. “Foi un feito novidoso, aínda que esperado nese momento. As cousas, en xeral, estaban moi precarias e que, de repente, alguén tivese unha idea de facer un Festival deste tipo, como foi Xavier Garrote, realmente era algo moi importante. Dun día para outro en Ortigueira terías a posibilidade de escoitar músicas doutras cidades e incluso países, algo que, por aquel entón, xa non só en Galicia senón en España en xeral, non era doado poder facelo. O feito en si foi moi importante”.

“O Festival de hai 30 anos baseábase no voluntarismo”

Conversar con Ferreirós é conversar cunha persoa que coñece moi ben os inicios de Festival de Ortigueira. Pero é que Milladoiro, ademais de brindar todo o seu apoio ao Mundo Celta, estivo tamén presente de maneira continuada dende o ano 1979 ata o 1985  actuando en Ortigueira. “Nos anos 80 non era sinxelo facer iso, xa que a situación do país non era boa. Non había condicións técnicas, non había cartos… O Festival baseábase no voluntarismo, nas mans dalgunhas persoas que sabían que tiñan que botar a andar isto. Era moi difícil, e todos os que estabamos implicados dalgunha maneira, e Milladoiro o estaba, sabiamos que tiñamos que axudar e así apostar pola música popular. Dende Milladoiro apoiamos isto e xa quedabamos dun ano para outro contratados”.

Xosé Ferreirós, de Milladoiro
Xosé Ferreirós, de Milladoiro

 

De feito, el é consciente que naquel momento pór en marcha un festival sen apoio institucional e sen patrocinador era moi complicado. Xosé Ferreirós non esquece tampouco que nesa época o Festival tipo que enfrontarse a moitas trabas e que, incluso “dende algún medio de comunicación que hoxe en día o apoian moitísimo, daquela máis ben non o facía. Que Ortigueira se enchera de tipos estraños non gustaba, pero o feito é que puido máis a xente que estaba detrás de todo isto e o seu voluntarismo para sacar o Mundo Celta adiante”.

Milladoiro, que leva aproximadamente 40 anos enriba dos escenarios apostando pola música tradicional galega, chega hoxe ao Festival de Ortigueira para celebrar a súa triséxima edición. Logo da actuación da anfitriona, a Escola de Gaitas de Ortigueira, os xefes da música da terra subirán ao Escenario Alameda para brindar aos folkies do Mundo Celta unha concerto que será “unha retrospectiva do seu traballo”, un traballo definido sempre por “un estilo e unha maneira de facer música, que non é outro máis que o estilo Milladoiro”.

@MariaQuintiana

 

Únete ás Free Sessions e toca no Festival de Ortigueira

Tocas algún instrumento? Formas parte dalgún grupo? Se é así, estás de sorte porque unha das grandes novidades da trixésima edición do Mundo Celta é a posta en marcha das denominadas Free Sessions, unha iniciativa coa que se vos quere dar a oportunidad de debutar no Festival de Ortigueira. O lugar elixido para a ocasión é a Praza de Isabel II, o venres ás 12.00 e 20.00 horas e o sábado ás 20.00 horas. A organización porá á vosa disposición un palco e un equipo de son.

Como anotarse ás Free Sessions?

É ben doado. Soamente tes que achegarte á mesa de son antes das horas fixadas para cada sesión. Unha vez se poña en marcha, cada grupo contará con un total de 30 minutos para deleitar ao público de Ortigueira. Ídesvos perder esta oportunidade?

Se tendes conta de Facebook, non dubidedes en unirvos a este evento. Aí poderes facer as vosas suxerencias ou preguntar calquera dúbida que vos poida xurdir con respecto ás Free Sessions.

Free Sessions

 

Para acceder ao evento do Festival de Ortigueira fai click AQUÍ.

Animádevos! Eu, de seguro, o farei. 😉

 

@MariaQuintiana

Todo en marcha en Ortigueira para a noite dos “Runas”

Escenario Alameda 2014. Foto: Laura Pedre
Escenario Alameda 2014. Foto: Laura Pedre

O Escenario Alameda xa está a punto para a súa inauguración na primeira xornada de festa na vila. Será o xoves ás 22.00 horas da man dos tres finalistas do “Proxecto Runas” e de Pepe Vaamonde Grupo, encargados de pór o fin á primeira noite do Festival de Ortigueira. A mesma tarde do xoves, a Praza de Isabel II acollerá ás 20.00 horas a inauguración musical da trixésima edición do Mundo Celta, e ás 17.00 horas terá lugar a apertura oficial da Feira de Artesanía do paseo marítimo, a exposición fotográfica do Claustro do Concello e a mostra “30 anos de Festival” de carteis históricos no Centro de recepción de visitantes.

Panorámica do recinto da Alameda. Foto: Bruno Lozano
Panorámica do recinto da Alameda. Foto: Bruno Lozano

 

Que grupos protagonizan o “Proxecto Runas” 2014? 

Este ano os finalistas son dúas bandas galegas, Tiruleque e Cuarteto Caramuxo, e Xabi Aburruzaga Band, do País Vasco. As tres bandas competirán na noite do xoves para acadar algún dos premios de 5.000, 3.000 o 2.000 euros que se entregarán. Ademais, os  gañadores convertiranse no pimeiro grupo confirmado para actuar na edición 2015 do Festival de Ortigueira.

Tiruleque
Tiruleque

Os Tiruleque chegan como finalistas ao “Proxecto Runas” por segunda vez, logo de que xa o foran no ano 2009. Este grupo galego conta cunha carreira musical que ven de cumprir 12 anos, un tempo no que lles deu tempo para autoproducir dous discos, Tiruleque (2009) e Mu!! (2013). Son sete membros saídos da música tradicional galega que apostan polo arranxo de melodías populares galegas, botando man da riqueza coa que contan os instrumentos tradicionais e, ademais, experimentando no uso das tonalidades e modos.

Cuarteto Caramuxo
Cuarteto Caramuxo

Cuarteto Caramuxo, composto por catro clarinetistas, un acordeonista e unha percusionistas (si, é un cuarteto de seis músicos 😉 ), bebe das melodías dos cancioneiros populares galegos, polo que o público de Ortigueira bailará ao son de música popular galega e, como non, dalgunhas composicións máis contemporáneas. O Escenario Alameda será o lugar elixido para adiantar temas do seu segundo álbume, sempre cunha interpretación “con gusto” no que o máis importante é gozar da música.

Xabi Aburruzaga Band
Xabi Aburruzaga Band

Xabi Aburruzaga Band, encabezada polo trikitilari biscaíño, volve ser finalista do “Proxecto Runas” por segunda vez logo de que tamén o conseguise na edición de 2010. Desta maneira, pisará o Escenario Alameda para presentar o seu novo álbume “Geure”, no que aposta pola mestura entre tradición e modernidade e no que se pode atopar sons que van dende o folk ata o jazz. Este meso ano Xabi Aburruzaga colaborou con Carlos Núñez no concerto de presentación do último disco do galego, no que tamén estiveron membros de The Chieftains. Ademais, cabe destacar que o biscaíño é o finalista do “Proxecto Runas” que máis puntuación acadou.

 

Que vos parece? A min tenme moi boa pinta. Mágoa que ata o venres non poida estar en Ortigueira. Pero de seguro terei quen me conte como foron as actuacións! 🙂

Sabedes xa como ides ir ata Ortigueira? Mañá contareivos os servicios especiais de Renfe e Arriva para o Mundo Celta. Ademais, tamén vos contarei como poderedes convertirvos en protagonistas do Festival Ortigueira por uns minutiños.

@MariaQuintiana

 

The Chieftains volven a Ortigueira despois de dez anos

É, sen lugar a dúbidas, a banda de música tradicional irlandesa máis importante das últimas cinco décadas. Ás súas costas levan prestixiosos galardóns, como seis premios Grammy e un Emmy. Nos seus máis de 50 anos de historia compartiron escenario con músicos do talle de Micc Jagger, The Dubliners, Sting ou Luciano Pavarotti. Este ano encabezan o cartel da que será a triséxima edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira

Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2004
Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2004

Que felicidade poder comezar esta tempada do blogue do Festival de Ortigueira comentado unha nova como é esta, a incorporación ao cartel dos maxestuosos The Chieftains. Tivemos que esperar exactamente dez anos para que os de Dublín volvense ao Mundo Celta, pero estou segura de que esta desacougante espera mereceu a pena.

Aínda que por aquel entón eu aínda fose moi nova, o certo é que recordo perfectamente o mes de xullo de 2004,  ano no que se celebraba a vixésima edición do Festival. Pero como para non lembralo. The Chieftains subían ao escenario de Ortigueira e, para ledicia de todos os festivaleiros alí presentes, o facían acompañados polo noso gaiteiro máis internacional, Carlos Núñez. Daquela andaban envoltos nunha xira que os levaría por moitos lugares, entre eles o Parque de Castrelos de Vigo, concerto do que sairía o soberbio traballo “Carlos Núñez & Amigos En

"Miradas", de Álvaro Fdz. Polo
Foto: Álvaro Fdz. Polo

Casa”. Compartían escenario, ademais, coa acordeonista Sharon Shanon, a National Youth Pipe Band of Scotland e o cantante arxentino, León Gieco, entre outros. E todos eles tamén viñeron a Ortigueira. En resumidas contas, todo un luxazo, porque puidemos desfrutar dun gran espectáculo cheo de enerxía, baile e, sobre todo, de música e rítmo inmellorable.

Pero este ano non será menos. De seguro Paddy Moloney e compañía terán preparado un gran concerto cheo de sorpresas. Quen sabe? Igual chegan con alguna colaboración inesperada. Ogallá así sexa. Pero, ata entón…

Que podemos esperar de The Chieftains o 19 de xullo en Ortigueira?

Polo momento póidovos comentar o que moitos de vós xa sabedes. Voice of Age é o seu útlimo álbume de estudo, que saíu ao mercado no ano 2012, e no que fusionan os seus sons tradicionais irlandeses coas melodías chegadas dende reputados nomes do indie-rock e do “country”, así como do folk escocés e irlandés. Desta maneira, os de Dublín faranos vibrar con senllas fusións pero, ademais, coas melodías que ateigan os máis de corenta traballos discográficos que teñen editados dende que comezaron a súa andaina no ano 1962. Iso si, do que estou segura é dunha cousa: a “Muiñeira de Chantada” non faltará. Abrimos apostas? 🙂

@MariaQuintiana

Os Cempés, Kan e Gwendal cabezas de cartel da XIX edición do Festival Ortigueira

Fíxose esperar pero por fin se coñeceu a semana pasada o cartel completo da nova edición do Mundo Celta. Esta é a programación completa, que pasarei a comentar.

Programación Festival11 de Xullo

O xoves, que dende hai uns anos se ten convertido na noite do Proxecto Runas, este ano contará cunha banda de luxo para pór o fin de festa. Os ferroláns Os Cempés volven pisar o escenario do Festival Ortigueira por terceira vez na súa historia (xa estiveran nos anos 1996 e 2004) para presentar o seu quinto disco, Tentemozo. Este novo traballo, que saía á luz en maio do pasado ano, convértese nun agasallo polos 20 anos transcurridos dende o seu primeiro concerto oficial. Os Cempés aseguran que “atoparon novos camiños sonoros e recrean con novos timbres o seu propio sonido característico e único”. Sen dúbida, os ferroláns caldearán o ambiente da primeira noite de festa en Ortigueira.

12 de Xullo

Vaia noite a do venres… A posta en marcha estará a cargo do grupo coruñes Birimbao, que debuta en Ortigueira co seu traballo “Nena do mare”. De seguido, a Escola de Gaitas de Ortigueiraa gran anfitriona do Festival, de seguro fará vibrar e emocionar á gran maioría dos alí presentes.

E logo, dúas das grandes apostas deste ano: as bandas irlandesas Kan e Guidewires. Que dicir de Kan? Cuarteto encabezado polo frautista Brian Finnegan e Aidan O’Rourke, que foran líderes de dúas das bandas máis importantes do folk irlandés, Flook e Lau, presentarán o seu novo traballo en Ortigueira: Sleeper. Cunha calidade musical indubidable, porán en pé ao público ortegano. Pero “o son máis fresco na música irlandesa” tamén tomará as riendas dos festivaleiros, ou iso intentarán. Guidewires está considerada como unha das bandas máis creativas do folk actual e, ademais, é unha das bandas irlandeses máis solicitadas do momento. Prometen unha actuación cargada de enerxía repasando os temas dos seus dous traballos, “Live” e “II”. Non volo podedes perder… (eu de seguro que non).

Para pechar a noite quedámonos en Galicia, máis concretamente, en Vigo. Begoña Riobó, que se ten convertido na primeira violinista folk galega en liderar a súa propia banda, chega a Ortigueira acompañada de catro recoñecidos músicos galegos que, todos eles, forman Riobó. Así, o escenario Estrella Galicia pechará a noite do venres con melodías tradicionais galegas arranxadas con “fórmulas interpretativas actuais”.

Déixovos un vido da banda Kan tocando o tema Night Ride no Celtic Conections do ano 2010

 

13 de Xullo

Se a noite do venres pintaba ben, a do sábado creo que aínda máis. O ortegano Kike Otero abrirá a noite coa súa Banda Crebinsky e, posteriormente, será a quenda da Bagad Glazik Kemper, de Bretaña. A terceira actuación da noite virá a cargo da Dominic Graham School of Irish Dance, que encherán por segunda vez o escenario de Ortigueira (2006) coas complexas coreografías que realizan para elevar a disciplina ao máis alto nivel.

E de coreografías directamente á tres derradeiras actuacións do escenario Estrella Galicia da XIX edición. Tres grandes bandas: Dán, Gwendal e Harmonica Creams. Falar de Dán é falar da macrobanda que, sen dúbida, fará vibrar aos festivaleiros. Escocia, Irlanda e Inglaterra estarán representadas no escenario xa que Dán é un novo proxecto nado da unión de músicos destas tres nacionalidades, ao mesmo tempo que de tres grandes bandas: Guidewires, Kan e Breton Quartet, e a vocalista Alyth McCormack

Por segunda vez actuará no Festival Ortigueira os míticos Gwendal, que é a cabeza de cartel desta edición. Debutaban no noso Festival no ano 2006 e este ano non podían faltar tendo en conta que están a celebrar o seu 40 aniversario. Así, unha mestura de folk, jazz, rock e música clásica soará en Ortigueira da man da banda bretona, que repasará o mellor da súa ampla discografía, que acumula xa dez álbumes de estudo e varios recopilatorios.

Gwendal interpretando Joke, un dos temas do seu último disco de estudio

E para pechar con festa asegurada, subiranse ao escenario Estrella Galicia os grandes triunfadores da pasada edición do Proxecto Runas e, para moitos, da edición en xeral: os xaponeses Harmonica Creams.

Nada máis, a prepararse porque quedan soamente 21 días para que dea comezo o XIX Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Recordade que é unha “cita ineludible do verán”

😉

 

Electric Céilí pechará a derradeira noite de festa do Festival Ortigueira

Nótase que xa é sábado. Foliadas de espontáneos nas rúas ou no xa mítico bar Caracas fan que o ambiente sexa do máis festivaleiro. A Feira de artesanía situada ao lado dos Xardíns do Malecón estivo tamén con continuo movemento de visitantes; e é que esta será a derradeira noite de festa en Ortigueira e os folkies lévanse preparando para iso durante todo o día.

Os escoceses Oban Pipe band serán os encargados de abrir a xornada de concertos no escenario Estrella Galicia. A banda de Escocia, unha das señas de identidade do Festival Ortigueira, fará soar as súas recoñecibles gaitas e, como non, os seus característicos redoblantes. Pero logo será a hora dun grupo galego, Crema de Gaita, encabezado polo músico e compositor, Ernesto Campos. Logo dos galegos, The Rua Macmillan band será faga pór en pé ao público de Ortigueira, público que, de seguro, bilará e brincará coa chegada dos irlandeses Electric Céilí para pechar a noite.

Sen máis, todo punto para que dea comezo a derradeira noite de festa da XXVIII edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.

Ortigueira baila ao son de Luar na Lubre

María QuintianaA Alameda está ateigada de xente. Con Luar na Lubre no escenario o único que se escoita son os berros dos milleiros de folkies que están na derradeira xornada do Festival. O público está moi animado e Luar na Lubre aínda os está a animar máis. Xa o grupo Rua Macmillan Trío preparou ben o ambiente unha hora antes. Pero o grupo de “Tu gitana” estano a dar todo no escenario e iso nótase.

Ortigueira, nestes intres, baila ao son de “A saia da Carolina”.

Capítulo 4: o venres da Escola de Gaitas e Berrogüetto

Bruno AreaFaltan escasos minutos para que dea comezo a derradeira noite de música en Ortigueira. Agora si que está todo a punto. Os escoceses Rua Macmillan Trío están a afinar os seus intrumentos para subir, en breves instantes, ao escenario Estrella Galicia.

Déixovos un vídeo de Bruno Area que resume a xornada de onte, sobre  todo a actuación da Escola de Gaitas de Ortigueira.

Todo listo para a derradeira noite de festa

Bruno AreaA Praza de Isabel II baila ao son da “Rumba para Susi”, e é que a Banda de Gaitas de Robaleira de Cedeira está a ofrecer un concerto na céntrica praza. Os que se acheguen ata alí poderán disfrutar de gaitas e tambores, acompañados de acordeón e, de vez en cando, ata un teclado. Un bo son para pasar esta soleada tarde en Ortigueira e para abrir boca do que será esta noite a derradeira xornada de festa no Estrella Galicia.

Mentres as bandas de gaitas lle puñan a banda sonora ás rúas da vila, o escenarioBruno Area principal estaba en plenas probas de son. Comezaban a primeira hora da tarde os galegos The Crass, seguidos de Searson e The Elders. E neste mesmo momento son os galegos Luar na Lubre os que están no escenario poñendo todo a punto para que, en poucas horas, arranque o que será unha gran noite en Ortigueira.

Bruno AreaEstá todo preparado, as rúas están ateigadas de xente e a acampada de Morouzos outro tanto. A entrada en Ortigueira en coche comeza a ser un pouco lenta pero non vos preocupedes, a espera asegúrovos que valerá a pena.

Vinde á derradeira noite do Festival do Mundo Celta de Ortigueira.

Fotos: Bruno Area