Gran noite de música

Bruno AreaSe onte vos dicía que a Escola de Gaitas de Ortigueira arrasara co seu concerto, os outros galegos da noite non se quedaron detrás; e é que Berrogüetto saiu triunfante do escenario Estrella Galicia. Foron case dúas horas as que Anxo Pintos  e compañía puxeron enerxía, boa música e, como non, entretemento.

En realidade, todos os grupos da pasada noite animaron aos folkies que ateigaban o recinto da Alameda. Logo de que a banda galega agasallase ao público con varios bises, a Brian Finnegan Big Band foi quen de manter o gran ambiente que deixaran os galegos co seu recital. E de Irlanda a Bretaña da man de David Pasquet group. O músico e a súaBruno Area banda fixeron bailar aos folkies coa que sería a actuación que dese paso á derradeira de noite, The Urban Folk Quartet.

Neste momentos, comézase a preparar o que será a noite de clausura do escenario Estrella Galicia. O grupo galego The Crass, que serán os encargados de pechar a noite, chegaron hai escasos minutos a Ortigueira e nestes intres estánse a preparar para que dean comezo as probas de son. Luar na Lubre e os americanos The Elders son dous das cinco bandas coas que os festivaleiros disfrutaran na derradeira xornada de festa.

Fotos: Bruno Area

 

A Escola de Gaitas gáñase ao público

Bruno AreaA Escola de Gaitas de Ortigueira volveu arrasar no escenario Estrella Galicia. Un ano máis, os festivaleiros puideron disfrutar da que é a anfitriona do evento. E este ano a Escola de Gaitas brilou aínda máis, grazas a un reperterio elaborado con temas cos que hai a redor de 15 anos xa facían emocionar aos asistentes.

Moi puntuais, ás 21:30 horas, os músicos de Ortigueira subían ao escenario e soaban os primeiros acordes da noite. Cantarrula e Brétemas Betanceiras foron os temas elixidos para abrir o concerto. Muiñeiras, rumbas e valses, todo servíu. O público de Ortigueira estaba coa súa banda, e amosárono con grandes ovacións. Tamén houbo baile e cantareiras; e unha novidade, as castañolas das bailadoras, que lle deron un toque renovado a ese baile que xa se está a converter nunha tradición na actuación da Escola de Gaitas no Festival.

Pero o prato forte quedaba para a parte final do concerto. “As inquedanzas dos nosos músicos”, como dicía a gaiteira Ana Piñón, que fixo de presentadora da gala, fixeron que nove músicos da Escola (entre eles o seu director ao acordeón e un dos músicos ábruno area mandolina) amosaran a destreza que teñen sobre o seu intrumento e o entusiasmo que todos eles lle poñen a cada unha das cancións. Remataban e volvían á formación de banda porque quedaba o máis enérxico. Bombo e tambores comezaban a soar, e é que outra das sorpresas da noite foi o solo de percusión que tres dos músicos da Escola se marcaron. Durante algo máis de dous minutos deixaron coa boca aberta aos asistentes (eu entre eles) e non fixeron outra cousa que calentar máis, se cabe, o ambiente. E do solo (ou solazo) pasaron ao mítico “Aires de Rumba”, que foi un deses temas que decidiron volver recoller para o seu repertorio; e como non, destacar o tributo que lle fixeron ao xa desaparecido grupo ortegán Bágoa de Raíña, intrepretando un dos seus temas e enlazándoo coa xa tradicional e inigualable “Muiñeira do Albariño”.

En definitiva, un ano máis a Escola de Gaitas de Ortigueira volveu a facer brincar aos festivaleiros e emocionar a moitos dos ortegáns. Sen dúbida, un concerto memorable.

Continúa a festa en Ortigueira con Berrogüetto no escenario Estrella Galicia.

Fotos: Bruno Area

Stolen Notes volverán a Ortigueira no 2012

Bruno AreaO Proxecto Runas xa ten gañador. O xurado fallou hoxe a mediodía a favor dos Stolen Notes. Para sorpresa dalgúns, que crían ter clara a proclama dos galegos Ulträqäns como gañadores, os de Andalucía lograron chegar aos membros do xurado e así poder formar parte do cartel do vindeira edición do Festival Internacional do Mundo Celta. Por tanto, pódese dicir que xa hai un grupo seguro para o 2012, Stolen Notes.

E todo isto dentro dunha xornada na que a choiva quixo deslucir a nova xornada de festa na vila pero que non conseguiu. Foron moitas as persoas que encheron as rúas de OrtigueiraBruno Area e que, como non, pasearon pola tradicional feira de artesanía. Ademais, todos eles puideron disfrutar das actuacións nas rúas da Banda de Gaitas de Verín e Banda de Gaitas Terras do Cigarrón.

Nestes mesmos intres estanse a ultimar os detalles no escenario Estrella Galicia. Os galegos Berrogüetto están coa proba de sone logo será a quenda da Escola de Gaitas de Ortigueira. E todo isto soamente unha hora antes de que arranque unha nova xornada de música no Festival do Mundo Celta; e sendo venres, os primeiros en pisar o escenario principal non poden ser outros que a Escola de Gaitas de Ortigueira. Nesta ocasión cun concerto no que recollen algúns dos temas cos que hai anos xa facían disfrutar ao público do Festival.

Fotos: Bruno Area

Skerryvore, os triunfadores da noite

Marta PlatasCoa resaca da primeira xornada musical en Ortigueira, estamos á espera de coñecer o fallo do xurado do Proxecto Runas, xa que ao final será hoxe ás 13:30 horas cando se reunan e decidan cal das dúas bandas é merecedora de formar parte do cartel do Festival do vindeiro ano.

Ulträqäns, para moitos, os mellores da noite. O lider da banda soubo meterse no peto ás milleiras de persoas que brincaban na Alameda; e todo isto cunha música enérxica e que verdadeiramente soaba a Festival. Quizais demasiado rockeiros, pero o que é certo é que o público recolle moi ben eses novos sons que, pouco a pouco, van internándose nas bandas folk e celtas. Seguir lendo “Skerryvore, os triunfadores da noite”

Os Ulträqäns soan en Ortigueira

Non estaba no certo, os Ulträqäns comezaron á súa hora. Hoxe os concertos arracaban ásBruno Area 22:30 horas. Mañá será cando se adianten unha hora e a Escola de Gaitas de Ortigueira dea os seus primeiros acordes ás 21:30 horas.

Pero parece que a quenda do grupo galego do Runas deste ano xa está a rematar. Agora soamente lles falta saber se a súa enerxía e bo son no escenario lles servíu para convencer ao xurado que, esta mesma noite, fallará o resultado. Ante un público moi animado, a totalidade do grupo aínda conseguiu animalo ben . Dese xeito, os folkies da Alameda brincan ao son duns potentes Ulträqäns. A ver que decide o xurado. Os Stolen Notes están a piques de comezar.

Foto: Bruno Area

Esperando por Ulträqäns

María QuintianaHai apenas media hora que rematou o acto inaugural do Festival. A Escola de Gaitas de Ortigueira, en papel de anfitriona, foi a encargada de abrir e pechar o acto que duraría unha aproximadamente unha hora. Logo de facer resoar a Praza de Isabel II, as tres bandas dirixíronse ao recinto da Alameda, quedando así inauguradas as xornadas de música en Ortigueira. Ao paso das gaitas, mimos en malabaristas apropiábanse, un ano máis, das rúas principais para ledicia de pequenos e maiores.

Agora mesmo terían que estar a soar Ulträqäns pero, como adoita ser habitual, a media horiña de retraso non lla quita ninguén. Sen máis, e esperando que comece a música no escenario Estrella Galicia, seguimos esperando por vós en Ortigueira.

Recordade que mañá Berrogüeto presentará o seu novo álbum, “Kosmogonías” e o sábado será a quenda de Luar na Lubre, que fará disfrutar aos folkies ao son de “Solsticio”.

Xa están case finalizadas as probas de son

Bruno AreaUn pouco antes das 17:30 horas comezaban as probas de son. Os primeiros foron Skerryvore, seguidos de Oscar Ibáñez & Tribo e Stolen Notes. Nestes intres están no escenario os galegos Ulträqäns, que serán os últimos antes de que dea comezo a primeira xornada de música na Alameda.

En menos de media hora dá comezo a inauguración musical deste ano. Os técnicos están a ultimar detalles para que estea todo en orde, mentres que os músicos están afinando as súas gaitas para que os primeiros acordes do Festival sonen o mellor posible.

Segundo as previsións meteorolóxicas o tempo parece que non vai acompañar moito. De todos os xeitos, de seguro non vai impedir que os milleiros de folkies que invaden xa o piñeiral de Morouzos brinquen,ao longo da fin de semana, ao son de grupos coma Berrogüetto ou The Elders.

Foto: Bruno Area

Camiño de Lorient

Onte, ás 20.00 horas, a Escola de Gaitas de Ortigueira partía rumbo Lorient. Unha viaxe moi longa, pero que sen dúbida merecerá a pena. 22 horas de viaxe en autocar. Serán horas de nervios, horas nas que se respirarán moitas ganas. Ganas de chegar ao lugar que nestes días se convertirá na capital da música celta. Lorient celebrará este ano o seu 40 aniversario e, como xa dixen na anterior publicación, Ortigueira estará representada da mellor maneira posible. A Escola de Gaitas, que é a culpable de que hoxe en día a vila de Ortigueira conte cun dos festivais máis importantes de música celta do mundo, ofrecerá unha serie  de concertos nos diferentes escenarios que conforman as instalacións do festival.

E esta participación cobra un maior valor tendo en conta que o Festival do Mundo Celta de Ortigueira é nado da visita de músicos da Escola de gaitas a unha das primeiras edicións de Lorient. Por todo isto e tendo en conta tamén que estamos a falar do festival de música celta máis importante do mundo, os compoñentes da Escola de Gaitas viaxan cheos de ilusión e conscientes de que formar parte do cartel de Lorient é un sono para moitas bandas a nivel mundial. A Muiñeira do Albariño e a Polca para Pucho seguramente sean algunhas das pezas coas que a banda ortegana deleitará ao público do intercéltico.

O xurado falla a favor do grupo vigués The Crass

O Proxecto Runas xa ten gañador. Os vigueses The Crass foron o grupo que levou maior puntuación dun xurado con representantes da Escola de Gaitas de Ortigueira, técnicos de producción e son do Festival e xornalistas.

The Crass é unha banda que mestura músicas. Dende o folk máis galego, pasando polo jazz ou pola música irlandesa, son algúns dos estilos que compoñen o son do gañador da décima edición do Proxecto Runas.

O ano que ven o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira contará coa súa presenza no escenario de Estrella Galicia.

The Crass en Youtube

Moi boa música na última noite do Festival

Moi puntuales, ás 20.00 horas de onte a Bagad Karreg An Tan comezaba a súa actuación no Festival de Ortigueira. Con moito ritmo e enerxía, a banda bretona fixo disfrutar ao público durante un pouco máis de media hora. Sen ningunha dúbida, un moi bo comezo da noite.

A Bagad deixaba o escenario para dar paso ao grupo local, Chirlo Mirlo. Cun repertorio de pezas moi coñecidas, os ortegáns fixeron disfrutar aos alí presentes. Pero a música galega seguiría a ter protagonismo durante varias horas. Leilía e Anxo Lorenzo Band serían os encargados diso. Leilía abría a actuación na súa liña máis tradicional. Pero conforme ían transcorrendo os minutos, as cantareiras comezaron a mostrar, coa axuda da súa banda, uns temas con aires innovadores. As cantareiras deixaban o escenario Estrella Galicia e daba comezo a que para moitos foi a actuación da noite. A Anxo Lorenzo Band mostrou un directo envexable. Cunha banda de músicos sobresalientes, Anxo Lorenzo amosou a Ortigueira un dominio total da música folk. Baixo unha execución perfecta de whistles, gaita, violíns e demais instrumentos, esta banda fixo bailar e brincar aos festivaleiros.

E era o turno da banda americana Gaelic Storm. Un concerto moi animado fixo, ao igual que a Anxo Lorenzo Band, vibrar ao público. E na mesma liña, Shooglenifty, arrancou en Ortigueira máis que aplausos. Un público moi entregado foi o agasallo que a banda escocesa se levou de Ortigueira.

Pero a noite de festa chegaba ao seu fin. Os encargados de pechar a noite foron Rare Folk. O grupo andaluz, que xa visitou Ortigueira en moitas ocasións, serviron un concerto cheo de enerxía que, sen dúbida, fixo que o público se despedira da vila ortegán cun gran sabor de boca.