Xosé Ferreirós:“O Festival de hai 30 anos baseábase no voluntarismo”

Hai dous anos tiven unha longa conversa telefónica dende Londres con Xosé Ferreirós, un dos membros do Milladoiro nado en 1978 que aínda segue en activo levando a música galega por diferentes lares. Hoxe escribo este artigo dende Barcelona, pensando en que soamente faltan seis meses para que dea comezo a XXXII edición do Festival de Ortigueira, unha edición que, alo menos para min, será moi especial.

Recordo perfectamente a sensación que tiven ao rematar a miña conversa con Xosé. Foi unha mestura entre orgullo e estrañeza. Estrañeza positiva porque, aínda que sabía da importancia que tivera Milladoiro nos comezos do Festival de Ortigueira, non sabía ata que punto. E orgullo polo que supuxo por aquel entón para a sociedade e a cultura galega o nacemento dun evento como foi o Festival de Ortigueira.

Ferreirós contoume que hai 30 anos “o Festival baseábase no voluntarismo, nas mans dalgunhas persoas que sabían que tiñan que botar a andar isto”. Ademáis, aseguroume que levar a cabo isto “era moi difícil, pero todos os que estabamos implicados dalgunha maneira, e Milladoiro o estaba, sabiamos que tiñamos que axudar e así apostar pola música popular”. Tamén foi moi interesante o que me falou sobre os medios de comunicación, afirmando que “algún que hoxe en día o apoia moitísimo, daquela máis ben non o facía. Que Ortigueira se enchera de tipos estraños non gustaba, pero o feito é que puido máis a xente que estaba detrás de todo isto e o seu voluntarismo para sacar o Mundo Celta adiante”.

milladoiro_2014
Milladoiro, Ortigueira 2014. (Ferrol360)

Na edición de 2016 Milladoiro voltará a Ortigueira para achegar ao público “un estilo e unha maneira de facer música, que non é outro máis que o estilo Milladoiro”. Ademais, a organización do Mundo Celta anunciou en FITUR a creación dun DVD do que Milladoiro será protagonista e no que se poderá visualizar material audiovisual inédito e histórico.

 

Quedan nin máis nin menos que 166 días para o Festival de Ortigueira! 😀

@MariaQuintiana

 

 

Entrevista moi especial no 20 aniversario do comezo da segunda andaina do Festival de Ortigueira

Entrevista a Loli Pérez, ex-directora do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira (1995-1998), que se publica hoxe en La Voz de Ortigueira

Esta é a miña entrevista más especial, e permitídeme o atrevemento. Non é moi habitual facer este tipo de entrevistas, de nai a filla, pero tampouco será a primeira (nin a última) vez que aconteza algo semellante. A historia é o que ten, non se pode cambiar, e a actualidade manda, porque nesta XXXI edición do Festival Internacional do Mundo Celta cúmprense 20 anos do comezo da nova andaina do Festival de Ortigueira, unha andaina que se viviu logo do parón que houbo dende 1987 ata 1995. No ano 1995 notábase que un bo sector de Ortigueira tiña fame de Mundo Celta. Por iso, “os tres mosqueteiros”, que foron Loli, Animadora Socio-Cultural do Concello de Ortigueira e directora do Festival; Raúl Piñeiro, activista cultural e manager dos mellores artistas do mundo folk internacional; e Juan Cao, membro de organización do Mundo Celta e integrante da Escola de Gaitas, puxéronse en marcha para pór a Ortigueira de novo na elite dos festivais de música celta e folk de todo o mundo.

P: Se me tes que destacar tres momentos da edición do ano 1995…

R: Ver subir ao escenario do Festival á nova xeración da Escola de Gaitas de Ortigueira con todos os nenos que formaban a agrupación; cando Ronsel tocou a “Muiñeira de Chantada”, xa que facía moitísimo que non se escoitaba esa muiñeira no escenario do Mundo Celta; e Bágoa de Raíña, polo esforzo que fixeron Jaime, Elixo, Marías, César… para poder estar á altura. E ben que o estiveron, converténdose nun dos mellores grupos revelación do ano 1995 e, de feito, foron teloneiros do irlandés Davy Spillane.

Seguir lendo “Entrevista moi especial no 20 aniversario do comezo da segunda andaina do Festival de Ortigueira”

Milladoiro presenta hoxe en Ortigueira “unha retrospectiva do seu traballo”

O Mundo Celta chega á súa segunda noite de festa da man dun dos concertos máis esperados desta 30 edición: o de Milladoiro. A banda galega promete unha actución na que “o público atopará unha restrospectiva do noso repertorio, xa que queremos dar a coñecer temas do noso traballo que non adoitan estar presentes nos nosos concertos”, destacou Xosé Ferreirós, un dos compeñentes históricos da banda, asegurando tamén que hoxe en Ortigueira “estará o Milladoiro do 2014, que non ten nada que ver có do 1980, nos primeiros festivais, ou do 2007, que foi a derradeira vez que tocamos en Ortigueira”.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Milladoiro

Falar de Milladoiro é falar dun símbolo, xa non só da música tradicional galega, senón do folk e do celta en xeral. Nese sentido, pódese dicir que Milladoiro tense convertido ademais nun símbolo no nacemento do Mundo Celta, xa que vivíu de primeira man os primeiros anos do Festival de Ortigueira. “Xavier Garrote, naquel entón director da Escola de Gaitas de Ortigueira, chamoume. El o que quería era saber se podería contar co apoio do mundo da música tradicional galega; e comigo puido contar sempre”. Ferreirós non dubida en destacar que daquela “parecíame unha idea descabellada, tendo en conta que era moi dificil levar a cabo un evento deste tipo. Pero, aínda así, se conseguían poñelo en marcha, alí estaríamos. E así foi”.

Xosé Ferreirós comenta que recorda perfectamente os sentimentos que despertou o nacemento do Festival de Ortigueira a finais dos anos 70. “Foi un feito novidoso, aínda que esperado nese momento. As cousas, en xeral, estaban moi precarias e que, de repente, alguén tivese unha idea de facer un Festival deste tipo, como foi Xavier Garrote, realmente era algo moi importante. Dun día para outro en Ortigueira terías a posibilidade de escoitar músicas doutras cidades e incluso países, algo que, por aquel entón, xa non só en Galicia senón en España en xeral, non era doado poder facelo. O feito en si foi moi importante”.

“O Festival de hai 30 anos baseábase no voluntarismo”

Conversar con Ferreirós é conversar cunha persoa que coñece moi ben os inicios de Festival de Ortigueira. Pero é que Milladoiro, ademais de brindar todo o seu apoio ao Mundo Celta, estivo tamén presente de maneira continuada dende o ano 1979 ata o 1985  actuando en Ortigueira. “Nos anos 80 non era sinxelo facer iso, xa que a situación do país non era boa. Non había condicións técnicas, non había cartos… O Festival baseábase no voluntarismo, nas mans dalgunhas persoas que sabían que tiñan que botar a andar isto. Era moi difícil, e todos os que estabamos implicados dalgunha maneira, e Milladoiro o estaba, sabiamos que tiñamos que axudar e así apostar pola música popular. Dende Milladoiro apoiamos isto e xa quedabamos dun ano para outro contratados”.

Xosé Ferreirós, de Milladoiro
Xosé Ferreirós, de Milladoiro

 

De feito, el é consciente que naquel momento pór en marcha un festival sen apoio institucional e sen patrocinador era moi complicado. Xosé Ferreirós non esquece tampouco que nesa época o Festival tipo que enfrontarse a moitas trabas e que, incluso “dende algún medio de comunicación que hoxe en día o apoian moitísimo, daquela máis ben non o facía. Que Ortigueira se enchera de tipos estraños non gustaba, pero o feito é que puido máis a xente que estaba detrás de todo isto e o seu voluntarismo para sacar o Mundo Celta adiante”.

Milladoiro, que leva aproximadamente 40 anos enriba dos escenarios apostando pola música tradicional galega, chega hoxe ao Festival de Ortigueira para celebrar a súa triséxima edición. Logo da actuación da anfitriona, a Escola de Gaitas de Ortigueira, os xefes da música da terra subirán ao Escenario Alameda para brindar aos folkies do Mundo Celta unha concerto que será “unha retrospectiva do seu traballo”, un traballo definido sempre por “un estilo e unha maneira de facer música, que non é outro máis que o estilo Milladoiro”.

@MariaQuintiana

 

“Temos un dos mellores carteis dos últimos anos”

A Escola de Gaitas de Ortigueira, anfitriona do Festival do Mundo Celta, tamén está en plena conta atrás para o comezo do trixésimo Festival de Ortigueira, unha edición que, en palabras do seu presidente, Bruno Lozano, conta “cun dos mellores carteis dos últimos anos”.  E é que xa pasou moito tempo dende que membros da Escola de Gaitas visitaran o afamado Festival de Lorient do que volverían cunha única idea na cabeza: Ortigueira merecía ter un evento como aquel ou, alo menos, semellante. E vaia se o conseguiron. Gracias a eles e, como non, á Escola de Gaitas en xeral e moitas outras persoas, hoxe en día podemos falar dun Festival que leva o nome de Ortigueira ata os lugares máis recónditos e que, ademais, é quen de converter a nosa vila na capital da música celta e no escenario no que moitos artistas de renome soñan con actuar.

Bruno Lozano, presidente da Escola de Gaitas
Bruno Lozano, presidente da Escola de Gaitas

“O espírito mantense porque o Festival é a esencia da Escola de Gaitas. Cando se produce o relevo xeracional, inevitable neste tipo de asociacións, os que entran novos chegan coa lección ben aprendida. Os rapaces teñen moitas ganas; é o noso Festival, xogamos na casa”, afirma o presidente da Escola de Gaitas, ademais de comentar que están inmersos nos preparativos para a chegada de todas as bandas a Ortigueira. “Encargámonos da organización de todo o que ten relación coa sección de bandas do Festival, e non soamente actuacións, senón que nos ocupamos tamén do seu aloxamento. Tratamos de que estean o máis cómodos posible na súa estancia en Ortigueira”. De feito, a Escola de Gaitas quere que as bandas desfruten do Festival alén das súas actuacións e que coñezan como é verdadeiramente o Festival de Ortigueira: “adoitamos facilitar a estancia a todas as bandas que tocan o domingo, independientemente que soamente  o fagan o domingo, convidándoas a vir o sábado e desfrutar, polo menos, do día grande da festa”.

E é que o IES de Ortigueira tense convertido no cuartel de todas as bandas de gaitas que chegan á vila. Alí descansan, ensaian, calman os nervios… Pero converter as aulas en improvisadas habitacións para todos eses días leva o seu esforzo. De feito, o presidente asegura que “sen a colaboración do director do IES de Ortigueira, Carlos Legarreta, o noso traballo sería moito máis complicado. Por iso querémoslle agradecer a súa labor e, como non, ás nais e pais que nestes días traballan tanto coma nós”.

Escola de Gaitas de Ortigueira
Escola de Gaitas de Ortigueira

En canto a se teñen preparada alguna sorpresa como banda invitada á actuación dalgún dos grupos que actuarán no Escenario Alameda, como podería ser The Chieftains, o presidente nin confirma nin desmente. O que si asegura é que, na súa actuación no escenario principal, a Escola de Gaitas interpretará “tanto clásicos da banda como temas novos para conseguir darlle un pouco máis de espectáculo á nosa actuación no Escenario Alameda”.

“O Festival de Ortigueira merece da creación dun premio honorífico anual”

Pero aproveitando a miña conversa con Bruno Lozano, pedínlle que imaxinase, por só un intre, que o vindeiro ano sería proposto como director do Mundo Celta. Desta maneira, pedinlle que me dixese dúas das cousas que incorporaría ao Festival.  “O meu compañeiro Alberto Gómez e máis eu levamos anos dándolle voltas a unha idea: entregar un premio honorífico anual que leve o selo do Festival. Pero entregalo noutra data, por exemplo, en Marzo, para non centrar todo o peso do Festival en 4 días ó ano. Por outro lado, sen dúbida, apostaríamos por contar cunha maior representación de Galicia no cartel; incluso dedicar un dos días unicamente ao noso país”. Aí queda, por se alguén quere tomar nota.

A Escola de Gaitas de Ortigueira, que conta con casi 35 membros en activo e aproximadamente 60 se se ten en conta a canteira, abrirá a sesión de concertos do Escenario Alameda a noite do venres día 18 de xullo ás 22.00 horas. Non volo perdades; eu, de seguro que non. 😉

Aquí vos deixo a actuación do ano pasado 🙂

@MariaQuintiana

 

 

 

Última noite de Festival

Deu comezo unha nova xornada musical en Ortigueira. Abría os concertos do escenario Estrella Galicia a Bagad Karreg An Tan. Nestes mesmo momento o grupo ortegán Chirlo Mirlo fai bailar aos festivaleiros. E queda unha noite de moi boa música por diante. Leilía, Anxo Lorenzo Band, Gaelic Storm, Shooglenifty e Rare Folk serán os grupos que pisarán o escenario do Festival de Ortigueira.

As cantareiras de Leilía pasarán hoxe por Ortigueira, feito que non ocorre dende o ano 2006. É un grupo que xa conta con tres traballos discográficos e un recopilatorio no que conta coa colaboración de músicos como Xosé Manuel Budiño ou Milladoiro. Para elas estar no cartel do Festival do Mundo Celta de Ortigueira é “un honor e unha presión, pero do mesmo xeito que un disfrute total”. Ao demais Leilía asegura que hoxe “os festivaleiros poderán ver e escoitar a Leilía de sempre, máis tradicional que é que comezamos o concerto. Despois un cambio radical que será un adianto do novo traballo”.

Por outra banda, cabe mencionar a actuación dos irmáns Molard, mestres bretóns que xa fai algúns anos actuaran no Festival. Así, durante máis dunha hora, a praza de Isabel II bailou ao son dos xa míticos “Molard Brothers”.

Útima noite de música do Festival de Ortigueira si,  pero mañá chegará o Proxecto Runas a partires das 17.00 horas no mesmo escenario Estrella Galicia. As bandas Celtic Maze, Xavi Aburruzaga e The Crass serán as que participen neste concurso.

Nova noite de boa música

Ortigueira está a poucos minutos de que comecen a soar os primeiros acordes de Marful. Este grupo galego autodefínese como unha banda de ultramar que conta cun estilo de música popular urbana, con inspiración das músicas dos cafés cantantes, das primeiras orquestras de jazz e de diferentes xéneros da música folk.

Ugía Pedreira, a súa vocalista, falounos do seu próximo traballo: ” trátase dun disco no que o subrrealismo estará moi presente,do mesmo xeito que a plasmación das nosas vivencias e reminiscencencias ao Brasil e Cuba”. Do mesmo xeito, tamén nos falou da súa presenza no cartel do Festival como que é un acto “xusto é necesario, xa que, no meu caso, tócame tocar na comarca onde eu nacín”. Respecto ao directo de Marful, a súa vocalista quixo apuntar que “nós non demostramos nada, simplemente mostramos a música que facemos estas catro individualidades, xa que cada unha delas temos un curriculum diferente e ecléptico, pero que os catro xuntos crean un son marfuliano. E Marful vai facer música de baile e intentar que a xente mova os pés o o corazón”.

Festivaleiros, unha nova noite de boa música está a piques de dar comezo. Logo de Marful, tomará escenario a Escola de Gaitas de Ortigueira, seguida de Orion, Cristina Pato, Afterhours e Qui hi ha?.

Moito traballo…

No IES de Ortigueira, lugar de encontro de todas as bandas de gaitas que chegan á vila, Rodrigo, director da Escola de Gaitas de Ortigueira segue un ritmo de traballo frenético. Ensaios coa Escola e con Chirlo Mirlo, organización do Festival… Ainda así, tivo uns minutos para achegarnos a como a banda de gaitas de Ortigueira prepara a súa actuación do venres.

A horas da apertura da XXVI edición do Festival de Ortigueira, para o director da Escola de Gaitas a clave do programa que seguen para o concerto no escenario Estrella Galicia é o feito de que “podes usar algunha peza complicada pero máis ben utilizas pezas con movemento, para dar vida, xa que se trata dun festival en aberto”. Ademais, Rodrigo e os compoñentes da Escola de Gaitas, son conscientes da expectación que nos últimos anos desprende o seu concerto: “somos moi conscientes que duns anos para aquí a xente notou moito as pequenas cousas que se fan para que non sexa monótona a actuación. Xogamos coas cantareiras, corpo de baile e cuartetos para facer máis ameno o concerto”.

Ben é certo que outro feito que sempre atrae a expectación do público son as colaboracións da Escola de Gaitas de Ortigueira con outros artistas que forman parte do cartel: “este ano o que temos é unha colaboración das cantareiras da Central Folque de Santiago con Cristina Pico, que é unha colaboradora desas, na sombra, que fan todo, tanto o baile coma cas cantareiras. Entón, este ano colaborarán con ela músicos da Central Folque”.

Xa por último, non esquecer a dobre presenza de Ortigueira no Festival, xa que Chirlo Mirlo é un grupo formado por músicos da Escola de Gaitas. “A iniciativa foi para interpretar doutro xeito os ritmos nosos e para motivar aos rapaces a que se fagan músicos independientes, vendo ao seu profesor tocando como lle gusta tocar a el e que así collan recortes”.

Un adianto do que posiblemente se poderá disfrutar no seu concerto.