Entrevista moi especial no 20 aniversario do comezo da segunda andaina do Festival de Ortigueira

Entrevista a Loli Pérez, ex-directora do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira (1995-1998), que se publica hoxe en La Voz de Ortigueira

Esta é a miña entrevista más especial, e permitídeme o atrevemento. Non é moi habitual facer este tipo de entrevistas, de nai a filla, pero tampouco será a primeira (nin a última) vez que aconteza algo semellante. A historia é o que ten, non se pode cambiar, e a actualidade manda, porque nesta XXXI edición do Festival Internacional do Mundo Celta cúmprense 20 anos do comezo da nova andaina do Festival de Ortigueira, unha andaina que se viviu logo do parón que houbo dende 1987 ata 1995. No ano 1995 notábase que un bo sector de Ortigueira tiña fame de Mundo Celta. Por iso, “os tres mosqueteiros”, que foron Loli, Animadora Socio-Cultural do Concello de Ortigueira e directora do Festival; Raúl Piñeiro, activista cultural e manager dos mellores artistas do mundo folk internacional; e Juan Cao, membro de organización do Mundo Celta e integrante da Escola de Gaitas, puxéronse en marcha para pór a Ortigueira de novo na elite dos festivais de música celta e folk de todo o mundo.

P: Se me tes que destacar tres momentos da edición do ano 1995…

R: Ver subir ao escenario do Festival á nova xeración da Escola de Gaitas de Ortigueira con todos os nenos que formaban a agrupación; cando Ronsel tocou a “Muiñeira de Chantada”, xa que facía moitísimo que non se escoitaba esa muiñeira no escenario do Mundo Celta; e Bágoa de Raíña, polo esforzo que fixeron Jaime, Elixo, Marías, César… para poder estar á altura. E ben que o estiveron, converténdose nun dos mellores grupos revelación do ano 1995 e, de feito, foron teloneiros do irlandés Davy Spillane.

Seguir lendo “Entrevista moi especial no 20 aniversario do comezo da segunda andaina do Festival de Ortigueira”

Este venres farei un dos meus soños realidade grazas á Escola de Gaitas de Ortigueira

Aínda non o creo, por moito que xa teña todo case preparado. O certo é que tampouco había moito que preparar. E o digo porque para min falar da Escola de Gaitas de Ortigueira é moi sinxelo: soamente teño que expresar todas as emocións que a Escola e o Festival me teñen feito sentir dende que tiña 3 anos.

E é que, amigas e amigos, non sabedes o pracer que é para min contarvos que o vindeiro
venres ás 22.30 horas farei realidade un de cantos soños andan pola miña cabeciña: volverei subir ao escenario de Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, pero esta vez para presentar á Escola de Gaitas de Ortigueira. Que orgullo tan grande, e máis tendo en conta que se trata dunha data tan sinalada, porque a Escola está de 40 aniversario e o Festival cumpre 20 anos dende que comezara a súa segunda etapa, 8 anos despois sen se ter celebrado.

Eu facendo un só  no meu estreo coa Escola de Gaitas, no concerto das Letras Galegas 1995
Letras Galegas 1995. Con 4 aniños, primeira actuación en público coa Escola de Gaitas de Ortigueira.

Seguir lendo “Este venres farei un dos meus soños realidade grazas á Escola de Gaitas de Ortigueira”

Preparados para a XXXI edición do Festival de Ortigueira?

A case unha semana para que dea comezo unha nova edición do Festival do Mundo Celta de Ortigueira, supoño que todos estaredes a facer xa as mochilas con todos os imprescindibles para a acampanada en Morouzos, non? Falando de Morouzos, coméntovos que este ano hai novidades. Non poderedes acampar na zona do piñeiral debido a que Costas non o permitíu. De todos os xeitos, xa está acondicionada a zona do eucaliptal que se atopa á entrada da praia no que poderedes armar as vosas casiñas para os días de festa en Ortigueira.

Alsa brinda un 15% para chegar ao Festival de Ortigueira

Un ano máis Renfe colabora co Festival de Ortigueira descontando o 30% do custe das viaxes con orixe e destino Ferrol polo Mundo Celta. A compañía manterá a rebaixa nos billetes para os trens rexionais e de longa distancia, entre os días 15 e 22 de xullo. Ademais, acábase de coñecer que Alsa tamén volverá a colaborar coa cita celta e aseguran que “O Festival de Ortigueira está máis cerca cun 15% de desconto no teu billete“.

Nova páxina web da Escola de Gaitas de Ortigueira

Convídovos a que visitedes a nova páxina web da Escola de Gaitas de Ortigueira que dende hoxe está dispoñible. A agrupación, fundadora do Mundo Celta, aposta así pola mellora da súa presenza no ámbito dixital, algo moi importante na actualidade. Ademais, podedes seguir á Escola de Gaitas na súa páxina de Facebook,  Twitter,  Instagram e, como non, na súa canle de YouTube. Nesta última poderedes atopar vídeos das súas diferentes actuacións, entre elas as que levaron a cabo en New York con motivo da súa participación no St Patrick’s Day.

Pero eu vouvos deixar aquí un vídeo da espectacular actuación da Escola na pasada edición do Festival de Ortigueira interpretando ” Sanssoneta & Busindre Reel” e así ir quentando motores para o que acontecerá en pouco máis dunha semana no escenario principal do Mundo Celta.

Que non queda nada!! 🙂