Participa no Proxecto Runas 2016 e na Feira de Artesanía

Nótase que xa estamos a tres meses de que dea comezo a XXXII edición do Festival de Ortigueira porque comezan a abrirse os prazos tanto para presentar as candidaturas ao Proxecto Runas coma para solicitar os postos na Feira de Artesanía. De feito, estamos xusto a tres meses, porque o tamén xoves 14 de xullo dará comezo un novo Mundo Celta do que, ata o de agora, non sabemos moito.

Festival La Voz de Galicia

Pero o que si sabemos é que os galegos Milladoiro serán os encargados de pechar a edición e o espectáculo Keltia, da compañía galega Queiman e Pousa, os que abrirán a primeira noite de festa no escenario principal. Confirmados tamén están, como non, o grupo gañador da edición pasada do Runas, as irlandesas Perfect Friction, e a banda inglesa Peatbog Faeries.

Proxecto Runas 2016

Queres partipar coa túa banda no concurso para artistas e grupos noveis do Festival de Ortigueira? O prazo está aberto dende o día 8 de abril ata o 27 de abril. A partir do venres 6 de maio poderanse escoitar os traballos na páxina web do Festival de Ortigueira e nese mesmo momento activarase tamén o proceso de votación online, que finalizará o venres 20 de maio ás 18 horas.

Unha vez finalizado o proceso, os grupos finalistas decidiranse por un sistema de 5 votos. Un virá da votación online e os outros catro dun xurado formado por músicos, xornalistas musicais e promotores seleccionados pola organización. O día 25 de maio a páxina web do Festival de Ortigueira anunciará as tres bandas finalistas do Proxecto Runas 2016, que actuarán no escenario principal na noite do xoves 14 de xullo.

Podes descargar aquí as bases do Proxecto Runas: Festival Ortigueira Proxecto Runas 2016

Feira de Artesanía

Pero se eres artesán ou vendedor ambulante tamén tes a oportunidade de partipar no Festival de Ortigueira. Por iso, dende onte e ata o próximo 9 de maio poderanse presentar as solicitudes para formar parte da Feira de Artesanía do Mundo Celta. Estas solicitudes poderanse facer en tres modalidades diferentes: artesáns, artesanías do mundo e venta ambulante.

Se estás interesado consulta as bases da Feira de Artesanía na seguinte ligazón: Festival Ortigueira Feira Artesanía 2016

Xa non queda nada! 😉

@María Quintiana

 

A música galega incorpora unha nova rapaciña cantareira

As redes sociais valen de moito. A min gústanme porque grazas a elas dou con noticias, fotos e vídeos que, por min soa, non atoparía nunca. Onte volveume pasar: chegoume un vídeo que non é que me gustara, non. Encantoume!!

O músico galego Davide Salvado compartiu no seu Facebook persoal esta xoia:

A rapaza o sinte e o vive coma unha galega máis. E iso é algo que me produce moita alegría: ver como rapaces pertencentes a familias de orixes e tradicións moi diferentes ás nosas, nacen en Galicia e dende moi pequenos forman parte da nosa cultura, da nosa música tradicional. Que tamén é deles.

Ao ver a esta rapaciña cantar e tocar a pandeireta véuseme á cabeza o grupo que gañou o Proxecto Runas 2012 do Festival de Ortigueira. Si, estoume a referir a Harmonica Creams, ese grupo xaponés que namorou a todo o público de Ortigueira, tanto coa súa actuación no Runas coma na do ano seguinte no escenario Estrella Galicia. De feito, namorou tamén aos festivaleiros de Morouzos, co excepcional recital que deron no escenario da carpa habilitada no aparcadoiro do Campo de Fútbol. Tamén aos asistentes ao espectáculo que montaron nos Xardíns do Malecón. E, como non, ao público do mítico Bar de Fredi en Espasante no que, como pode ser unha obviedade, tamén actuaron.

Cando volverá Harmonica Creams ao Festival de Ortigueira? A verdad é que non o sei. Pero o que si sei é que volverían facer brincar e desfrutar aos milleiros de folkies que estarían abarrotando a Alameda da Vila. Eu entre eles! 😉

 

@MariaQuintiana

 

Xosé Ferreirós:“O Festival de hai 30 anos baseábase no voluntarismo”

Hai dous anos tiven unha longa conversa telefónica dende Londres con Xosé Ferreirós, un dos membros do Milladoiro nado en 1978 que aínda segue en activo levando a música galega por diferentes lares. Hoxe escribo este artigo dende Barcelona, pensando en que soamente faltan seis meses para que dea comezo a XXXII edición do Festival de Ortigueira, unha edición que, alo menos para min, será moi especial.

Recordo perfectamente a sensación que tiven ao rematar a miña conversa con Xosé. Foi unha mestura entre orgullo e estrañeza. Estrañeza positiva porque, aínda que sabía da importancia que tivera Milladoiro nos comezos do Festival de Ortigueira, non sabía ata que punto. E orgullo polo que supuxo por aquel entón para a sociedade e a cultura galega o nacemento dun evento como foi o Festival de Ortigueira.

Ferreirós contoume que hai 30 anos “o Festival baseábase no voluntarismo, nas mans dalgunhas persoas que sabían que tiñan que botar a andar isto”. Ademáis, aseguroume que levar a cabo isto “era moi difícil, pero todos os que estabamos implicados dalgunha maneira, e Milladoiro o estaba, sabiamos que tiñamos que axudar e así apostar pola música popular”. Tamén foi moi interesante o que me falou sobre os medios de comunicación, afirmando que “algún que hoxe en día o apoia moitísimo, daquela máis ben non o facía. Que Ortigueira se enchera de tipos estraños non gustaba, pero o feito é que puido máis a xente que estaba detrás de todo isto e o seu voluntarismo para sacar o Mundo Celta adiante”.

milladoiro_2014
Milladoiro, Ortigueira 2014. (Ferrol360)

Na edición de 2016 Milladoiro voltará a Ortigueira para achegar ao público “un estilo e unha maneira de facer música, que non é outro máis que o estilo Milladoiro”. Ademais, a organización do Mundo Celta anunciou en FITUR a creación dun DVD do que Milladoiro será protagonista e no que se poderá visualizar material audiovisual inédito e histórico.

 

Quedan nin máis nin menos que 166 días para o Festival de Ortigueira! 😀

@MariaQuintiana

 

 

Para cando un Festival de Ortigueira 3.0?

Aviso para navegantes! Este vai ser un artigo moi persoal, e o será porque volveu pasar o de sempre cando a verdade é que me esperaba un cambio. O XXXII Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira presentouse un ano máis en FITUR. Para quen non o saiba, esta Feira Internacional de Turismo foi considerada a segunda máis importante do mundo e este ano contou cun 8% máis de participación empresarial que en 2015.

Cartel 2016

Primeiro de todo, felicitar a Rei Zentolo polo deseño do cartel da nova edición do Mundo Celta. Ten protagonismo a música e eses instrumentos que podemos ver e escoitar durante os días de festa na vila. Tamén me gusta que o Festival de Ortigueira vaia ter continuidade durante todo o ano e que se aposte por novos proxectos como a candidatura presentada ao programa Creative Europe Culture. E, como non, non pode non gustarme a volta de Milladoiro ao Festival e a outra banda que anunciaron, os ingleses Peatbog Faeries. Pero destes últimos xa falarei noutro artigo para que os coñezades un pouco mellor.

O que non me gusta é que non se aproveite unha ocasión como esta para presentar como se merece o Festival de Ortigueira. Estamos case no mes de febreiro e os grandes festivais de música, como poden ser o BBK Live de Bilbao ou o Resurrection Fest de Viveiro, xa teñen confirmados case todos os grupos. Que, por certo, o primeiro conta con máis de 115.000 seguidores en Facebook, e o segundo ronda os 93.000. O noso só supera os 11.000 (en Twitter e Instagram os datos son semellantes). O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, ademais de ser o impulso económico e socio-cultural da comarca do Ortegal, tense convertido nun dos festivais de música celta e folk de referencia a nivel mundial. Ao igual que tamén se converteron o BBK Live e o Resurrection Fest dentro dos estilos musicais nos que se moven. Por iso, creo que queda un camiño moi grande por percorrer dentro do Festival de Ortigueira. Este ten que entrar dunha vez por todas no século XXI, no mundo 3.0, unha nova época que nos brinda a posibilidade de chegar ao noso público obxectivo e potencial máis rápido e dunha maneira máis eficaz. Porque o que queremos, ou o que deberiamos querer, é que o noso Festival medre, que o noso Festival sexa o mellor. Que cada vez cheguen á vila máis persoas, que cada vez sexan máis os medios de comunicación que se fagan eco das nosas novas. Pero, sobre todo, que cada vez destaquemos máis pola nosa calidade á hora de organizar e manexar un evento tan importante coma é o Festival de Ortigueira.

Por iso, eu soamente espero que nalgún momento nos deamos de conta da  necesidade de estar á par dos festivais de música de referencia do noso país. E iso soamente se conseguirá con traballo, con novas ideas e coa concienciación de que as canles de comunicación cambiaron. E por iso temos que estar presentes, da mellor das meneiras, en todas elas. Ademais, temos que chegar a eventos coma FITUR con todo, ou case todo, listo. E isto pódese facer: soamente hai querer. Porque, querer é poder, non? Pois eu, coma moitos, quero.