Hai dous anos tiven unha longa conversa telefónica dende Londres con Xosé Ferreirós, un dos membros do Milladoiro nado en 1978 que aínda segue en activo levando a música galega por diferentes lares. Hoxe escribo este artigo dende Barcelona, pensando en que soamente faltan seis meses para que dea comezo a XXXII edición do Festival de Ortigueira, unha edición que, alo menos para min, será moi especial.
Recordo perfectamente a sensación que tiven ao rematar a miña conversa con Xosé. Foi unha mestura entre orgullo e estrañeza. Estrañeza positiva porque, aínda que sabía da importancia que tivera Milladoiro nos comezos do Festival de Ortigueira, non sabía ata que punto. E orgullo polo que supuxo por aquel entón para a sociedade e a cultura galega o nacemento dun evento como foi o Festival de Ortigueira.
Ferreirós contoume que hai 30 anos “o Festival baseábase no voluntarismo, nas mans dalgunhas persoas que sabían que tiñan que botar a andar isto”. Ademáis, aseguroume que levar a cabo isto “era moi difícil, pero todos os que estabamos implicados dalgunha maneira, e Milladoiro o estaba, sabiamos que tiñamos que axudar e así apostar pola música popular”. Tamén foi moi interesante o que me falou sobre os medios de comunicación, afirmando que “algún que hoxe en día o apoia moitísimo, daquela máis ben non o facía. Que Ortigueira se enchera de tipos estraños non gustaba, pero o feito é que puido máis a xente que estaba detrás de todo isto e o seu voluntarismo para sacar o Mundo Celta adiante”.

Na edición de 2016 Milladoiro voltará a Ortigueira para achegar ao público “un estilo e unha maneira de facer música, que non é outro máis que o estilo Milladoiro”. Ademais, a organización do Mundo Celta anunciou en FITUR a creación dun DVD do que Milladoiro será protagonista e no que se poderá visualizar material audiovisual inédito e histórico.
Quedan nin máis nin menos que 166 días para o Festival de Ortigueira! 😀