A música galega incorpora unha nova rapaciña cantareira

As redes sociais valen de moito. A min gústanme porque grazas a elas dou con noticias, fotos e vídeos que, por min soa, non atoparía nunca. Onte volveume pasar: chegoume un vídeo que non é que me gustara, non. Encantoume!!

O músico galego Davide Salvado compartiu no seu Facebook persoal esta xoia:

A rapaza o sinte e o vive coma unha galega máis. E iso é algo que me produce moita alegría: ver como rapaces pertencentes a familias de orixes e tradicións moi diferentes ás nosas, nacen en Galicia e dende moi pequenos forman parte da nosa cultura, da nosa música tradicional. Que tamén é deles.

Ao ver a esta rapaciña cantar e tocar a pandeireta véuseme á cabeza o grupo que gañou o Proxecto Runas 2012 do Festival de Ortigueira. Si, estoume a referir a Harmonica Creams, ese grupo xaponés que namorou a todo o público de Ortigueira, tanto coa súa actuación no Runas coma na do ano seguinte no escenario Estrella Galicia. De feito, namorou tamén aos festivaleiros de Morouzos, co excepcional recital que deron no escenario da carpa habilitada no aparcadoiro do Campo de Fútbol. Tamén aos asistentes ao espectáculo que montaron nos Xardíns do Malecón. E, como non, ao público do mítico Bar de Fredi en Espasante no que, como pode ser unha obviedade, tamén actuaron.

Cando volverá Harmonica Creams ao Festival de Ortigueira? A verdad é que non o sei. Pero o que si sei é que volverían facer brincar e desfrutar aos milleiros de folkies que estarían abarrotando a Alameda da Vila. Eu entre eles! 😉

 

@MariaQuintiana

 

Xosé Ferreirós:“O Festival de hai 30 anos baseábase no voluntarismo”

Hai dous anos tiven unha longa conversa telefónica dende Londres con Xosé Ferreirós, un dos membros do Milladoiro nado en 1978 que aínda segue en activo levando a música galega por diferentes lares. Hoxe escribo este artigo dende Barcelona, pensando en que soamente faltan seis meses para que dea comezo a XXXII edición do Festival de Ortigueira, unha edición que, alo menos para min, será moi especial.

Recordo perfectamente a sensación que tiven ao rematar a miña conversa con Xosé. Foi unha mestura entre orgullo e estrañeza. Estrañeza positiva porque, aínda que sabía da importancia que tivera Milladoiro nos comezos do Festival de Ortigueira, non sabía ata que punto. E orgullo polo que supuxo por aquel entón para a sociedade e a cultura galega o nacemento dun evento como foi o Festival de Ortigueira.

Ferreirós contoume que hai 30 anos “o Festival baseábase no voluntarismo, nas mans dalgunhas persoas que sabían que tiñan que botar a andar isto”. Ademáis, aseguroume que levar a cabo isto “era moi difícil, pero todos os que estabamos implicados dalgunha maneira, e Milladoiro o estaba, sabiamos que tiñamos que axudar e así apostar pola música popular”. Tamén foi moi interesante o que me falou sobre os medios de comunicación, afirmando que “algún que hoxe en día o apoia moitísimo, daquela máis ben non o facía. Que Ortigueira se enchera de tipos estraños non gustaba, pero o feito é que puido máis a xente que estaba detrás de todo isto e o seu voluntarismo para sacar o Mundo Celta adiante”.

milladoiro_2014
Milladoiro, Ortigueira 2014. (Ferrol360)

Na edición de 2016 Milladoiro voltará a Ortigueira para achegar ao público “un estilo e unha maneira de facer música, que non é outro máis que o estilo Milladoiro”. Ademais, a organización do Mundo Celta anunciou en FITUR a creación dun DVD do que Milladoiro será protagonista e no que se poderá visualizar material audiovisual inédito e histórico.

 

Quedan nin máis nin menos que 166 días para o Festival de Ortigueira! 😀

@MariaQuintiana

 

 

Este venres farei un dos meus soños realidade grazas á Escola de Gaitas de Ortigueira

Aínda non o creo, por moito que xa teña todo case preparado. O certo é que tampouco había moito que preparar. E o digo porque para min falar da Escola de Gaitas de Ortigueira é moi sinxelo: soamente teño que expresar todas as emocións que a Escola e o Festival me teñen feito sentir dende que tiña 3 anos.

E é que, amigas e amigos, non sabedes o pracer que é para min contarvos que o vindeiro
venres ás 22.30 horas farei realidade un de cantos soños andan pola miña cabeciña: volverei subir ao escenario de Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, pero esta vez para presentar á Escola de Gaitas de Ortigueira. Que orgullo tan grande, e máis tendo en conta que se trata dunha data tan sinalada, porque a Escola está de 40 aniversario e o Festival cumpre 20 anos dende que comezara a súa segunda etapa, 8 anos despois sen se ter celebrado.

Eu facendo un só  no meu estreo coa Escola de Gaitas, no concerto das Letras Galegas 1995
Letras Galegas 1995. Con 4 aniños, primeira actuación en público coa Escola de Gaitas de Ortigueira.

Seguir lendo “Este venres farei un dos meus soños realidade grazas á Escola de Gaitas de Ortigueira”

Budiño, protagonista do Mundo Celta vinte anos despois da súa primeira actuación en Ortigueira

Non podía ser doutra maneira. 20 anos despois da súa primeira actuación no Festival de Ortigueira, Xosé Manuel Budiño volve reconvertido no director artístico da noite do sábado. 20 anos, como pasa o tempo.

Budino-Ortigueira 2015

Era o ano 1995 e logo de oito anos sen se poder desfrutar do Festival de Ortigueira, o Mundo Celta volve sair adiante, esta vez no mes de agosto porque había eleccións e non daba tempo de pechar presupostos. Nesa primeira edición da nova etapa estaba Xosé Manuel Budiño, que chegaba a Ortigueira co seu grupo Fol de Niu da man de Raúl Piñeiro (D.E.P.).

Primeiro, uns recordos…

Para min falar de Budiño é falar de Raúl Piñeiro. Non esquecerei nunca, por mais que fora unha rapaciña de pouco máis de 4 anos, o que lle dixo Raúl a Budiño cando chegou ese mesmo ano á miña casa: “aquí nesta casa non se entra se non se toca unha peza con María no tambor”. Saín correndo a toda veolocidade polas baquetas e alí, na mesma cadeira da cociña onde adoitaba estar sentado o meu avó Bernardo (D.E.P.), tocamos a Muiñeira de Chantada, Fonsagrada e algunha ca outra máis. Moitos dos que me estades a ler non saberedes quen é Raúl Piñeiro, algo que me doe moito porque foi unha persoa que se desviviu para sacar adiante o Festival de Ortigueira dende 1995 e durante 4 anos, xunto con outras persoas. Pero creo que sei quen vos pode ensinar moi ben a labor que fixo no Mundo Celta. Neste sentido, este venres haberá un post no que coñeceredes a Raúl, esa persoa que quixo tanto a Ortigueira e ao noso Festival. 

Budiño no Festival 2015

Jacky Molard Quartet, Oreka Tx + Kalakan, Budiño e Finnegan-McSherry Project. Ese é o cartel que Xosé Manuel Budiño preparou como director artístico da noite do sábado; e os míticos Capercaillie para a noite do domingo. O violinista dos tres irmáns Molard, toda unha referencia no mundo do folk e do celta. Oreka Tx + Kalakan traeránnos os ritmos e os sons máis característicos de Euskadi: os da txalaparta. Brian Finnegan de seguro pisará o escenario de Ortigueira cun espectáculo de música irlandesa no que quedaremos abraiados coa súa técnica á hora de tocar os whistles. E de Budiño aposto por un concerto no que repasará a súa discorgrafía e fará vibrar ao público de Ortigueira cos seus temas máis recoñecidos. O meu favorito sempre foi o que lle dá nome ao seu primeiro disco, Paralaia.

Por todo isto e moito máis, non vos podedes perder esta XXXI edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Déixovos o vídeo promocional de Budiño para esta edición.

 

🙂

 

 

A gaiteira Cristina Pato volve a Ortigueira

É galega e faino notar alí por onde vai. E xa non soamente porque toque (e moi ben) o noso instrumento máis representativo. As persoas que a seguimos nas redes sociais dámonos de conta do orgullosa que se sinte da súa Galicia e que, cada vez que fai un oco na súa apretada axenda, volve para o seu Ourense. A pasada fin de semana compartiu no seu Facebook unha foto dende a cidade das termas coa súa querida (e “tocaia” miña) Maruxa.

Asemella que facía calor pola cidade das termas… Pero Cristina, non te preocupes, que o venres 17 de xullo asegurámosche que as temperaturas en Ortigueira serán máis baixiñas. Ou se cadra non, porque vaia noite de música nos espera! Abrirá a xornada a banda escocesa The Vale of Atholl Pipe Band e de aí subirá ao escenario principal a banda anfitriona, a Escola de Gaitas de Ortigueira. Estou segura que a Escola de Gaitas deixará o ambiente máis que caldeado para recibir no escenario a Cristina Pato Band ás 23.30 horas.

“Unha virtuosa explosión de enerxía”

Iso é o que dixo nin máis nin menos que o xornal The New York Times de Cristina Pato. E dende The Wall Street Journal defínena como “unha das mestras vivas da gaita”. O certo é que Cristina Pato leva moitos anos levando a nome de Galicia e da nosa gaita polo mundo adiante. Pero Cristina é moito máis ca iso. No ano 1999 convertíase na primeira muller gaiteira en publicar un álbum en solitario e dende ese intre, a súa carreira non parou. É gaiteira, pianista, compositora e ata cantante. Comezou adicándose á música galega pero dende hai varios anos a súa carreira está ao lado da música clásica, do jazz e da música latina. O mellor de todo é que Cristina Pato é quen de mesturar moitos deses xéneros e crear melodías coma as que podemos escoitar no seu último traballo, Latina. 

En palabras súas, “Latina é unha maneira de abrazar a miña herencia cultura a través da música, explorando as conexións entre o país de orixe da palabra, Italia, e os países que hoxe en día consideramos latinos”. Pato conta que “usando a metáfora dun dos ritmos esenciais da música tradicional, o 6/8, Latina é unha viaxe musical que comeza coa tarantella italiana e viaxa a través de ritmos 6/8 de España e América Latina, coma o joropo venezolano, o Landó peruano, a muiñeira galega, e ritmos que teñen viaxado en ámbolos dous sentidos no mundo latino, o tanguillo e o fandango”.

De seguro fará vibrar ao público de Ortigueira o venres 17 de xullo ás 23.30 horas da noite. Non volo perdades, será todo un espectáculo de calidade musical.

😉