A gaiteira Cristina Pato volve a Ortigueira

É galega e faino notar alí por onde vai. E xa non soamente porque toque (e moi ben) o noso instrumento máis representativo. As persoas que a seguimos nas redes sociais dámonos de conta do orgullosa que se sinte da súa Galicia e que, cada vez que fai un oco na súa apretada axenda, volve para o seu Ourense. A pasada fin de semana compartiu no seu Facebook unha foto dende a cidade das termas coa súa querida (e “tocaia” miña) Maruxa.

Asemella que facía calor pola cidade das termas… Pero Cristina, non te preocupes, que o venres 17 de xullo asegurámosche que as temperaturas en Ortigueira serán máis baixiñas. Ou se cadra non, porque vaia noite de música nos espera! Abrirá a xornada a banda escocesa The Vale of Atholl Pipe Band e de aí subirá ao escenario principal a banda anfitriona, a Escola de Gaitas de Ortigueira. Estou segura que a Escola de Gaitas deixará o ambiente máis que caldeado para recibir no escenario a Cristina Pato Band ás 23.30 horas.

“Unha virtuosa explosión de enerxía”

Iso é o que dixo nin máis nin menos que o xornal The New York Times de Cristina Pato. E dende The Wall Street Journal defínena como “unha das mestras vivas da gaita”. O certo é que Cristina Pato leva moitos anos levando a nome de Galicia e da nosa gaita polo mundo adiante. Pero Cristina é moito máis ca iso. No ano 1999 convertíase na primeira muller gaiteira en publicar un álbum en solitario e dende ese intre, a súa carreira non parou. É gaiteira, pianista, compositora e ata cantante. Comezou adicándose á música galega pero dende hai varios anos a súa carreira está ao lado da música clásica, do jazz e da música latina. O mellor de todo é que Cristina Pato é quen de mesturar moitos deses xéneros e crear melodías coma as que podemos escoitar no seu último traballo, Latina. 

En palabras súas, “Latina é unha maneira de abrazar a miña herencia cultura a través da música, explorando as conexións entre o país de orixe da palabra, Italia, e os países que hoxe en día consideramos latinos”. Pato conta que “usando a metáfora dun dos ritmos esenciais da música tradicional, o 6/8, Latina é unha viaxe musical que comeza coa tarantella italiana e viaxa a través de ritmos 6/8 de España e América Latina, coma o joropo venezolano, o Landó peruano, a muiñeira galega, e ritmos que teñen viaxado en ámbolos dous sentidos no mundo latino, o tanguillo e o fandango”.

De seguro fará vibrar ao público de Ortigueira o venres 17 de xullo ás 23.30 horas da noite. Non volo perdades, será todo un espectáculo de calidade musical.

😉