O Festival Ortigueira está a piques de dar comezo

A tan só media hora de que quede inaugurada a XXVIII edición do Mundo Celta co acto que encabeza a Escola de Gaitas de Ortigueira, no outro foco do Festival xa se comeza a ver máis movemento. O Piñeiral de Morouzos está a recibir cada vez a máis folkies chegados dende unha infenidade de lugares. Os servizos especiais de autobuses e trens do Festival Ortigueira están a ser os medios de transporte máis elixidos para chegar á vila. Pero o gran desembarco de festivaleiros non se dará ata mañá ao mediodía, tendo en conta o comezo da fin de semana.

No que se refire ás actividades diurnas, esta mesma mañá foi inaugurada a exposición do CENTRAD (Centro de artesanía e deseño da Deputación de Lugo) no claustro da Casa do Concello, unha exposición na que se poderán ver instrumentos e traxes tradicionais galegos. Por outra banda, os que se acheguen ao Centro de recepción de visitantes poderán descubrir numerosas fotografías de diferentes fotógrafos que pasaron polo Festival. É o caso de Kico Delgado, Ángel Manso, Xoán Piñón, Gabriel Tizón e Xurxo Lobato. Ademáis, a Feira de Artesanía situada xunto aos Xardíns do Malecón (Paseo marítimo) está dende as 17 horas desta tarde aberta para todos os visitantes.

Deixar un comentario